IscaConstruíndo poder popular

Xohán Xesús González: socialista e independentista

Xohán Xesús González (1895-1936) senta o precedente da confluencia entre nacionalismo arredista e o socialismo. Falar del é falar de alguén cun afán de superación incríbel, cunhas ansias de aprendizaxe encomiábeis, cunha capacidade de traballo asombrosa e unha coherencia e valentía políticas propias dun creador.

Chuzame!

xohan-xesus.png

Texto de Héitor Picallo Fuentes

 Falar de Xohán Xesús González é falar de alguén cun afán de superación incríbel, cunhas ansias de aprendizaxe encomiábeis, cunha capacidade de traballo asombrosa e unha coherencia e valentía políticas propias dun creador. Isto demostrarao en tan só 16 anos de vida pública desenvolvida fundamentalmente en Compostela: xeografía que bebeu o sangue da súa morte e o letargo das súas ideas (hoxe renacidas nalgunhas organizacións políticas da Nación Galega!).
Nacera no lugar de Sebil (Cequeril-Cuntis) o 9 de novembro de 1895 nunha casa humilde, de labregos e anónimos artistas da pedra, nunha terra pola que se ouvía o segredo Verbo dos Arghinas.

Evidentemente traballou as leiras da familia durante a súa infancia e incluso colaborou nas tarefas do agropecuarias cando xa era unha persoa de prestixio na Compostela de preguerra. De mozo, comezou co oficio de canteiro, mais no solpor dos anos dez pasa pola Escola Normal de Compostela co propósito de se facer mestre, e como tal exercerá tan só uns anos, quizais porque escribir e loitar polos dereitos cidadáns e por unha Galiza Ceibe eran as súas maiores teimas e o seu claro horizonte vital. Verémolo deste xeito en destacados xornais daquel entón, incluso como correspondente de varios deles, por exemplo en El Pueblo Gallego (Vigo). A súa sinatura ficou en rotativos como El Compostelano, La Zarpa (Ourense), El Progreso (Pontevedra)… e así até un mínimo de 25, entre revistas e xornais nacionais, estatais e da Galiza exterior. Funda, asemade, dúas publicacións periódicas: El País Gallego (1927) e Amañecer (1933), porén participará na creación dunha terceira, titulada Trabajo, que era o voceiro do partido socialista de Santiago (do cal se arreda ao pouco de fundalo, en xullo de 1931, por mor das desavinzas ideolóxicas que mantiña con esa organización).

No eido da literatura é autor das seguintes pezas dramáticas: Carmiña (representada en 1922), Felisa (1924, edit. 2007),… Como vate, ten un único poemario titulado Agarimos (1921), no entanto destaca coa narrativa, sendo o primeiro novelista erótico galego no idioma nacional: Teresiña (1924, inédita), Ana María (1925), A Filla da Patrona (1926) e A modelo de Paco Asorey (1933). Rosario Doval e A Rayola son títulos que non publicaría por mor do Golpe Militar do 36. No apartado do ensaio sociopolítico saca do prelo outras catro obras: Hacia una morfología de la vida gallega (1925), O romanticismo de mañán (cara a 1930), En pé campesiños (1933) e Regionalismo Nacionalismo Separatismo (1933). Igualmente por causa do levantamento fascista non vería a luz o seu ensaio titulado Gelmírez.

Nos últimos instantes da ditadura de Primo de Rivera pasará pola facultade de Dereito, ao tempo que funda con Arturo Cuadrado a libraría-editorial Niké, pola que adoitaban discorrer membros da FUE (Federación Universitaria de Estudantes) de Santiago, posto que estaba especializada en temas políticos (de esquerdas, socialistas e marxistas) así como novelísticos, fundamentalmente. Traballará como avogado en Compostela e terá o seu despacho no 46 da Rúa Nova.
En eidos da loita política, alén da súa actividade sindical na UGT, milita no PSOE, e acada a presidencia da ASS: Agrupación Socialista de Santiago, mais distánciase daquel por mor de discrepancias ideolóxicas, que subxugaban ao PSOE no centralismo e no rexeitamento do autonomismo galego. Aínda que en 1931 funda a ANC (Agrupación Nazonalista Compostelana), un ano antes xa propuxera a creación do PLG (Partido Laborista Galego). En 1932 crea a USG (Unión Socialista Galega), primeira agrupación da historia do noso país onde se conxuga o socialismo, o marxismo e o nacionalismo independentista.

Poderíanse achegar moitos parágrafos sobre dela, pero quizais é significativo aquel que, tirado na súa obra Regionalismo Nacionalismo Separatismo, di así: “Non me importan os votos, nin pretericións de ningún partido e se a Unión Socialista Galega non é unha agrupación política de moitos centos de afiliados, ten os suficientes para manter en pé esta idea nacionalista galega que eu defendo sen máis aspiracións que acadar, cos bos e cos xenerosos, unha independencia completa da nosa terra, porque nada nin ninguén nos pode obrigar a ficar unidos a un Estado que significa, para nós, unha ruína inminente e un perigo constante”.

Segue na seguinte páxina

Caderno Xohán Xesús González

Ver na Biblioteca

Tags: memoria, xohan xesus gonzalez

Imaxes


RSS do Movemento pola Base


TAG CLOUD