Solidariedade coa folga da limpeza!

Isca! editou un cartaz que está a colar polas faculdades de Vigo e Pontevedra, no que se pide a solidariedade do estudantado cos e coas traballadoras da limpeza da provincia que están en folga indefinida desde o día 17. Nel, explícanse os motivos que deron lugar á folga, e pídese a comprensión e apoio do estudantado ante as reivindicacións laborais nun sector con salarios de miseria e condicións de traballo moi duras. As universidades están a ser os lugares mais afectados pola folga, e toda a prensa do sistema está a facer unha continua labor de intoxicación e criminalización contra as e os folguistas.

 

limpeza.jpg

 Este é o texto que se pode ler no cartaz:

Solidariedade coa folga da limpeza

Desde o pasado día 17 de novembro, as traballadoras e traballadores da limpeza da provincia de Pontevedra están en folga indefinida demandando un convenio que garanta unhas condicións de traballo dignas no sector.

A patronal negouse a aplicar un preacordo asinado meses atrás, e agora mesmo rexeitaron durante 10 días de folga sentarse a falar coa representación das traballadoras/es.

Lembremos que o salario medio dun traballador/a da limpeza é actualmente de só 753€, o que dá unha medida das condicións de explotacións que sofren, frente a unhas empresas que obteñen beneficios millonarios.

Na Universidade estanse a ver moi claramente as consecuencias da folga, pois conseguir visibilizar o conflito nos lugares públicos é a mellor maneira de presionar a patronal e conseguir que acepte as demandas das traballadoras/es.

Uns días de “molestias” para o estudantado poden supor a consecución dunhas condicións de traballo e un salario dignos para as traballadoras/es da limpeza.

Por iso, é fundamental a comprensión, a colaboración e o apoio do estudantado universitario para axudar a conseguir os obxectivos das e dos traballadores e frear as ansias de lucro dos empresarios.

 

Descarga o cartaz en pdf

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario