Solidariedade co pobo escocés. YES/AYE Scotland!

A loita do pobo escocés para ser quen de decidir, de novo, sobre os seus propios asuntos conta xa con varios séculos de historia. A comezos do século XVII o Rei Jacobo VI de Escocia converteuse en Jacobo I de Inglaterra (1603). Malia a unión das coroas Escocia non perdería o seu parlamento xa que seguían a existir dous gobernos diferentes, o que se agudizou entre ambos países foi o ámbito económico estando Escocia sometida aos intereses de Inglaterra. Paralelamente a isto a influencia da língua inglesa no territorio escocés foi cada día maior e a progresiva anglización e o retroceso da língua escocesa así como do gaélico escocés é máis que evidente.

A comezos do século XVIII, concretamente en 1707, os parlamentos escocés e inglés asinan a chamada Acta da Unión que tiña, como unha das principais consecuencias, a disolución dos parlamentos escocés e ingles e o establecemento dun único parlamento central da Gran Bretaña. Este acordo nunca foi popular entre o pobo escocés e a meirande parte del opúxose desde o comezo mediante protestas masivas, contestadas coa represión e o establecemento da Lei Marcial.

A mediados do século XIX apareceron novos movementos que pulaban por un maior autogoberno na rexión e a devolución do control sobre os asuntos propios de Escocia a man das escocesas. Demandábase a creación dunha Asemblea Escocesa, apoiada por diferentes partidos dos ámbito conservador e liberal (posteriormente tamén do laborismo), que nunca chegou a ser aprobada polo paralmento británico.

O nacionalismo escocés comezou a tomar forza a partir de 1921 coa creación da Liga Nacional Escocesa que loitaba abertamente por dotar a Escocia de máis soberanía e camiñar cara a independencia; movemento moi influenciado polo Sinn Féin irlandés. O forte crecemento leva a crear o Partido Nacional de Escocia e, posteriormente no 1934, o Partido Nacional Escocés (SNP) que pasou dunha postura autonomista ao principio a abertamente favorábel á independencia actualmente.

O camiño do SNP non estivo exento de dificultades. En 1974 obtivo uns bos resultados electorais o que lles permitiu esixir o traspaso de competencias. Levouse a cabo un referendo para constituír unha nova Asemblea Escocesa, que non acadou un mínimo necesario a prol da proposta. A chegada ao poder de Margaret Thatcher paralizou por completo todo tipo de autonomía.

En 1997 a vitoria laborista no parlamento británico facilitou a creación dun parlamento escocés nese mesmo ano, sendo refrendado maioritariamente en referendo; unha autonomía limitada xa que Escocia continuaría sometida aos intereses do Estado. En 2011 o SNP gañou as eleccións ao parlamento Escocés por maioría absoluta o que permitiu lanzar a proposta independentista, que se plebiscitará en referendo o vindeiro 18 de setembro.

Lingua

En escocia existen dúas linguas, o escocés e o gaélico escocés. O escocés é unha língua xermánica falada nas Lowlands ou Terras Baixas de Escocia, amais de partes Irlanda do Norte. O gaélico escocés é unha lingua da rama celta, indoeuropea, falada nas Highlands ou Terras Altas e nas illas occidentais escocesas. Malia que os sinais identitarios non sexan o principal argumento do movemento soberanista si hai que telos presentes pola situación de asimilación sufrida.

O inglés, lingua de uso culto e do poder político e económico, é responsábel da progresiva asimilación cultural e declinio das línguas nacionais escocesas; situación non moi diferente do que ten acontecido no noso país. Tanto no plano social como no legal, a discriminación das linguas é máis que evidente sendo consideradas de segunda categoría e prácticamente inexistentes no ensino ou na administración.

Economía

En 1970 descubriuse petróleo no Mar do Norte o que eliminou o debate sobre a viabilidade dunha Escocia independente e o soberanismo incorporou ás súas teses o expolio dos seus recursos e o agravio na distribución dos beneficios do petróleo segundo intereses alleos.

Escocia é un país non dependente e conta cunha gran potencialidade enerxética non derivada do petróleo como o vento ou as ondas do mar. Só se precisa da vontade social e política para que o aproveitamento dos recursos sexa viábel, e a independencia é condición necesaria para calquera mudanza social.

Gran Bretaña é, nestes momentos, un dos estados máis desiguais da rexión e a implementación continua das receitas neoliberais (desde Thatcher até o presente) ten traspasado grandes cantidades de riqueza do traballo a mans do capital facendo que unha pequena elite oligárquica aumentase en gran medida as súas fortunas mentres que as clases populares só viron baixado o seu poder adquisitivo, aumentos de prezos, restricións de combustíbeis e mesmo baixada das pensións.


Polo tanto, desde Isca! solidarizámonos e mostramos todo o noso apoio ao proceso independentista na Escocia que nuns días decidirá en referendo vinculante o seu futuro de liberdade e prosperidade. Entendemos a independencia como o primeiro paso non só para rachar coas cadeas da dependencia económica e política, máis tamén para construir desde abaixo un novo país onde se decida o modelo económico e social máis beneficioso para as clases populares, onde rachemos definitivamente cos monopolios e as estruturas imperialistas como a Unión Europea e a OTAN. Independencia para decidilo todo!

YES/AYE SCOTLAND!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario