Isca!

Rebater

Rebater nº60 – Precisamos ensino público!

rebater24nHoxe somos miles as que berramos e saímos á rúa para defender unha das bases fundamentais de toda sociedade: o ensino. Apostamos por un ensino público, de calidade, antipatriarcal, que teña en conta a nosa realidade como pobo e que a visibilice empregando a nosa lingua como vehicular. Un modelo democrático no que o estudantado se teña realmente en conta.

A LOMCE é unha lei profundamente reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, machista e confesional que afonda no desmantelamento xeral e sistemático do ensino público e en poñer o que queda ao servizo do capital.

Coa súa aplicación este ano o estudantado da ESO e Bacharelato está totalmente desprotexido ao descoñecer como serán as reválidas as cales ten de superar para obter o título. Polo que esiximos que este ano non se realicen estas probas e que de cara ao curso que vén se derrogue a LOMCE.

O estudo universitario tamén está ameazado coa futura aplicación do sistema 3+2 que o elitiza aínda máis ao obrigar en moitos casos a cursar un posgrao para exercer a profesión desexada. Tamén queremos defendelo para que non empeore e loitar por outro modelo mellor.

Vivimos nunha sociedade inxusta e loitamos para transformala. Por iso saímos hoxe a rúa e por iso mañá tamén o faremos. A mocidade galega ten de traballar para visibilizar e erradicar as violencias machistas. Polo que vos animamos a participar nos actos de mañá, 25 de novembro, para reclamar unha vida sen violencia.

É a hora de organizarse e loitar por unha sociedade máis xusta.

Non as reválidas! LOMCE derrogación!

Difunde!