Rebater nº59 - Touradas fóra, nin arte nin cultura!

Máis información:

Máis un ano, Pontevedra acollerá unha mobilización popular de resposta ao sanguento espectáculo das touradas apoiada por ducias de organizacións, entre elas a nosa. Desde Isca! manifestamos a nosa oposición ás touradas, unha tradición allea a nosa cultura e a nosa terra, polo tanto imposta; transmite valores negativos, como o uso da violencia extrema, o desprezo fronte os dereitos dos animais e a lexitimización da tortura. En definitiva, a lidia perpetúa comportamentos que a sociedade debe rexeitar.

Atopámonos nun momento histórico no que os privilexios do lobby taurino son cuestionados por unha sociedade na que medra a conciencia. En Galiza, as touradas son rexeitadas por máis do 85% das galegas e son incapaces de subsistir sen a inxección de cartos públicos, como sucedeu na Coruña, Sarria e Padrón.

Grazas á mobilización social, Pontevedra é o último recuncho de touradas no noso país. Porén, a praza de touros ten permiso para desenvolver esta sádica actividade grazas á Lei de Protección Animal defendida pola Xunta de Galiza de Feijoo.

Desde Isca! consideramos que xunto coa imprescindíbel loita e organización social, os organismos políticos locais deben dar un paso adiante como xa fixeron noutras ocasións e seguir afogando ao minoritario lobby taurino. Non é lóxico que no 2016 sigan recibindo de xeito indirecto 38.000€, ignorando as reivindicacións da maioría social.

Facémonos eco das reivindicacións das plataformas antitouradas e solicitamos:

1. Ao Goberno do Estado que faga os cambios lexislativos necesarios para a abolición das touradas e a paralización da súa promoción e subvención con diñeiro público, que en plena crise ascende a 600 millóns de euros.

2. Que o Parlamento de Galiza modifique a “Lei 1/1993 de Protección de Animais Domésticos ou Salvaxes en Cautividade” que exclúe no seu artigo 5º as touradas, para que prohíba estas actividades.

3. Ao Concello, o cese do uso de espazos públicos para a promoción das touradas, así como a declaración de Pontevedra como “Cidade Antitouradas e amiga dos Animais”. Exiximos a fin do convenio coa praza de touros polo cal o empresariado taurino recibirá este 2016, 38.000€.

4. A reconversión da Praza de Touros nun coliseu para espectáculos culturais e concertos.

Por último, Isca! anima a toda a sociedade a participar na mobilización convocada por Touradas fóra de Pontevedra o vindeiro sábado 13 de agosto ás 20:00 horas desde a Praza da Peregrina, porque só desde a organización e a mobilización conseguiremos tombar a unha elite que pese a ser minoritaria, subsiste grazas ao apoio dos poderes públicos e empresariais.

Touradas fóra, convenio non!