Isca!

Rebater

Rebater nº57 – Isca! coa loita dos centros de chamadas

chamadas1Ser escravas ou ser traballadoras e traballadores con dereitos. Iso é o que se xoga o sector dos centros de chamadas na loita por un CONVENIO XUSTO. Por iso, desde os últimos meses de 2015 a CIG vén convocando mobilizacións en demanda dun convenio colectivo digno e con dereitos en centros de chamada de todo o país. Fronte ao inmobilismo doutras forzas sindicais de obediencia estatal, están difundido a problemática dun sector que aglutina moita mocidade e tensionando á patronal en demanda dun convenio colectivo digno e con dereitos, fronte ás pretensións de flexibilizar e precarizar aínda máis o emprego.

Unha Patronal que case triplica a facturación nos últimos tres anos a costa dos salarios e dereitos dos seus traballadores e traballadoras, que padecen un convenio xa abondo restritivo e beneficiado da reforma laboral de Rajoy, pretende sacar aínda máis beneficio levando a categoría laboral de teleoperadora directamente á de escrava. Isto, nun sector xa de por si precarizado onde se abusa do contrato de formación, é habitual a contratación via ETT ou con procedementos temporais por parte das propias empresas, non se regulan as preferencias horarias por convenio, etc. Ademais, nunha profesión cuns custos psíquicos e físicos (presións por obxectivos, duracións das chamadas, trato coa clientela; consecuencias físicas polo uso da voz, polas condicións do espazo de traballo…) non suficientemente recoñecidos laboral nin socialmente.

Como se isto non fose abondo, a patronal pretende reducir aínda máis os dereitos. Exemplos prácticos: mentres o seu lucro aumenta, queren situar o aumento salarial só nun 1%. Pretenden, tamén, afondar na distribución irregular da xornada, para que calquera teleoperadora estea disponíbel a tempo completo para despois traballar e cobrar se cadra 20 ou 30 horas.

chamadas2É máis, a ofensiva do novo convenio chega a límites físicos. Por exemplo, o actual convenio contempla unha parada visual (é dicir, que a traballadora poida parar de falar e ler, levantarse, ir ao baño…) de CINCO minutos cada SESENTA. Pois a proposta inicial da patronal é reducir estas pausas Á METADE. Alguén dubida que iso é escravismo? Calquera persoa que lea isto pode facer a proba e comprobar as consecuencias físicas. Isto é ao que chaman flexibilización desde a patronal e desde Isca! só podemos dar o noso apoio aos traballadores e traballadoras que, da man da CIG, están sendo valentes e mobilizándose para que isto non pase.

Para loitar contra isto é fundamental ter unha voz propia, situada no soberanismo e á esquerda, como a CIG, como altofalante. Esta é unha mostra evidente de como a dependencia do Estado español repercute negativamente na clase traballadora galega, que se ve na obriga de negociar como unha parte máis nun marco amplo e condicionado por sindicatos de obediencia estatal con posicións insuficientes. Por iso, seguiremos defendendo a necesidade dun marco laboral propio onde negociar as nosas condicións laborais.

En Isca! somos conscientes da situación na que se atopan as traballadoras e traballadores dos centros de chamadas xa que contamos con numerosa militancia empregada neste sector. Por iso seguiremos defendendo a loita sindical como vía para acadar un traballo digno e sen explotación mais tamén a organización política como ferramenta para mudar o sistema e construír a nova sociedade que soñamos quen non temos nada que perder salvo as cadeas.

Difunde!