Rebater nº56 - Orgullosas nunha terra liberada

Máis información:

No capitalismo, unhas vidas valen máis ca outras. “Consumo, logo existo”, eis o lema que rexe o noso tempo: as nosas vidas dependen da nosa capacidade para enchermos os petos da burguesía, unha burguesía que aspira a dominar cada recanto do mundo, expandindo os seus mercados e artellando novas formas de aumentar o seu lucro, mercantilizando cada aspecto da existencia cotiá. No capitalismo, todo é mercadoría, e a loita LGTBI non é unha excepción.

Constatamos que nos últimos anos as transmaribibolleras fomos gañando en dereitos, como o matrimonio igualitario ou a posibilidade da mudanza rexistral do sexo. Mais por veces parece que os grupos activistas non se pararon a reflectir quen foi o principal beneficiado das melloras: o home gay, cis, branco, sen discapacidade e de clase media-alta. Non é casual que tal suxeito se erixa como principal (e ás veces único) voz e representación dun colectivo moito máis amplo. A lgtbifobia está inserta nunha estrutura de opresión chamada patriarcado, que por súa vez mantén sinerxías con outras estruturas tales, como o capitalismo ou o racismo. Que ninguén se abraie logo de que o recente ataque a un clube gay en Orlando estea a receber unha cobertura mediática moito maior do que calquera outra agresión deste tipo acontecida en calquera outra parte do mundo. Os medios de propaganda actuaron axiña: aquilo fora un acto de terrorismo islámico, executado por bárbaros que queren destruír os valores occidentais de democracia e liberdade.

Mais nós sabemos que nada é nunca tan sinxelo como o pinta a ideoloxía dominante. O imperalismo capitalista, cos EEUU á cabeza, viu aquí unha posibilidade de ouro, trazando una perigosa dicotomía. Nós contra eles, occidente contra a barbarie, a democracia capitalista contra a inxustiza musulmana. Xa que logo, cautela, pois esta dicotomía, ben empregada, serve para xustificar intervencións militares imperialistas e aumentar o control sobre a poboación do propio país, coa excusa do terrorismo internacional e a defensa dos dereitos LGTBI. Mais tamén cría unha miraxe: fainos crer que o inimigo está fora, cando na realidade vive nas nosas casas e dirixe os nosos gobernos. Actos de terrorismo heterosexual como o de Orlando teñen lugar cada día na rúa do lado. As transmaribibolleras aínda somos botadas da casa pola noso xénero ou sexualidade, exclúesenos de postos de traballo, somos vítimas de agresións tanto verbais como físicas e algunhas, aínda, rematamos mortas polas mans do patriarcado.

No entanto, a burguesía “progre”, desde os gobernos e as empresas, mándanos unha mensaxe: as LGTBI podedes ser cidadás como as que máis, podedes comprar a vosa normalidade consumindo produtos con bandeiras do orgullo e celebrando festas magníficas nos vosos locais, mesmo axudarémosvos a sairdes cada 28 de xuño a celebrar a vosa normalidade polas rúas montadas en elegantes carrozas patrocinadas por algunha marca de bebidas. En troco, unha demanda: deixade atrás as insubmisas aos cánones, as feas, as gordas, as migradas, as discapacitadas, as pobres e as drogodependentes. Deixade as que protestan, as que cuestionan a familia, o amor romántico ou o xénero. Poderedes casar, ter unha casa, crianzas e un carro na porta da casa. O capitalismo rosa darávos normalidade se sabedes pagála coa vosa submisión.

Desde Isca! témolo claro. Se queremos un futuro digno e xusto para todas, debemos loitar como loitaron outras tantas antes ca nós, erguermos as bandeiras do transfeminismo, o anticapitalismo e o independentismo, e berrarmos, todas xuntas: non queremos ser normais, queremos ser ceibes e orgullosas nunha terra liberada.