Rebater nº54 - Galiza é a nosa selección!

Máis información:

A dereita política que nos goberna desde hai anos no país non coñece límites na súa cruzada contra todo elemento galeguizador ou que tente normalizar algo máis a nosa condición de galegas. Son esas políticas dirixidas polos grupos máis elitistas e antigalegos da sociedade as que arrasaron, entre outras cousas, as incipientes (e insuficientes) políticas a prol das nosas seleccións deportivas nacionais.

Estes encontros deportivos nos que participan as nosas seleccións nacionais son un dos momentos nos que reivindicamos os nosos dereitos deportivos, vencellados estes aos nosos dereitos nacionais: Galiza, como nación que é, ten dereito a que as súas seleccións compitan e participen en pé de igualdade en encontros de todo tipo, nomeadamente de caracter internacionais, representando á nosa nación no ámbito deportivo.
Estes anos de incomparecencia institucional foi respostado polo pobo organizado en torno á oficialidade das nosas seleccións no colectivo Siareiras Galegas, que vén loitando sen descanso desde hai case 20 anos. Esa loita que facemos nosa de apoio á oficialidade das nosas seleccións nacionais en todas as disciplinas deportivas, na reivindicación da visibilización das mulleres en espazos onde son ocultadas e invisibilizadas e no apoio ao deporte de base, popular e non mercantilizado.

Desta volta é a Federación Galega a que recupera un xogo amigábel da selección galega de fútbol. Insuficiente, mais non por iso podemos deixar de acudir, berrar e reivindicar os nosos dereitos como nación. Animamos a toda a mocidade galega a participar na manifestación pola oficialidade que sairá ás 19:00 horas do Campo da Leña e a asistir ao xogo Galiza – Venezuela no Estadio de Riazor.