Máis información:

A crise sistémica do capitalismo, agudizada nos últimos anos, déixanos cada día máis probas da necesidade de combater este sistema. Consecuencia dunha crise que vai alén do económico, sendo sistémica e estrutural, observamos o aumento da constante agresión do capital en todos os espazos que nos rodean, desde o ensino, a sanidade ou o emprego até o puramente financeiro. Nos últimos anos, sob a falacia de que se trataba de algo temporal, impuxéronnos desde a UE, desde o Estado español e desde a Xunta falsas solucións que non afectaron ás causas da crise senón que agravaron progresivamente a situación de quen máis a sufrimos sen tela provocado, as clases populares. Así, lonxe de mellorar a situación, empeora cada día e o progresivo recorte en dereitos sociais, canda a barra libre das privatizacións no sector público, empeoran un contexto cada vez máis hostil acompañado da aceleración do desmantelamento de sectores fundamentais para a nosa economía, como o agro ou naval.

Un exemplo paradigmático desta situación é o que acontece co emprego, nomeadamente co xuvenil. Así, no mes de abril do 2013, as cifras de desemprego galegas alcanzaron as 287.400 persoas e, en concreto, a cifra para as menores de 25 anos supera xa o 50%.

Demóstrase así que a resposta neoliberal do poder diante da destrución do emprego non serviu para frear esta tendencia, senón para acelerala. Así, tal e como ten denunciado o sindicalismo de clase e organizacións como a nosa, as sucesivas reformas laborais aprobadas nos últimos anos contribuiron unicamente a rebaixar os dereitos sociais da clase traballadora, empeorar as súas condicións e a abaratar o despedimento. Todo isto acompañado dunha dinámica na que se inxectaba diñeiro aos bancos que nos endebedaron no canto de destinar os recursos a crear emprego. Non contentos con isto, nos últimos meses o goberno de Rajoy vén de aprobar modificacións lexislativas que institucionalizan a precariedade e a temporalidade laboral da mocidade, máis alá aínda do paso atrás que supuxeron as sucesivas reformas laborais do PSOE e do propio PP. Como exemplo, as últimas medidas tomadas polo goberno central autorizan ás empresas á contratación laboral de menores de 30 anos con salarios inferiores aos 500€ e en moitos casos sen dereito á prestación de desemprego e a cambio éstas contarán con importantes axudas e ingresarán menos cartos na Seguridade Social. Que tipo de vida minimamente autónoma pode desenvolver un mozo/a cun emprego nestas condicións?

A consecuencia máis extrema: a emigración

Segundo os datos do INE, nos últimos 4 anos perdéronse 77.164 habitantes de entre 15 e  35 anos, supoñendo un grave descenso nun intervalo de idade onde se perde moita poboación sen causas biolóxicas, aumentando drasticamente a poboación vexetativa. Cal é a orixe disto? é evidente que a causa principal desta perda de poboación xuvenil se debe á lacra da emigración, saída obrigada que cada vez teñen que coller as mozas e mozos galegos ao non teren alternativas de futuro no seu país.

O 1 de xaneiro do 2013 na suma das catro provincias administrativas vivían legalmente 2.763.499 persoas, un 0,6 % menos que á mesma altura do 2012,. Isto demostra que a Xunta minte e que a perda e o envellecemento da poboación son unha constante para o noso país, un problema ao que o seu goberno incapaz non fai fronte. A emigración é un factor preocupante de por si para calquer país, pero se ademais analizamos o perfil desta masa migratoria a preocupación só pode aumentar, xa que se trata dunha emigración con risco de permanencia, pois as voces expertas en demografía sinalan que boa parte da mocidade que marcha do noso país ten poucas posibilidades de volver. Dunha banda, marchar a idades temperás favorece asentarse noutros lugares e tecer vínculos que freen o regreso. Doutra, estamos vendo como cada vez hai menos posibilidades de retornar ou de ficar, xa que un país cada vez máis empobrecido coma o noso ofrece cada vez menos posibilidades de futuro. Debemos denunciar esta situación, xa que ademais do dereito a traballarmos na nosa terra e en condicións dignas, hai que sumarlle as consecuencias irreversíbeis que terá o éxodo xuvenil masivo se non lle poñemos freo.

Para nós, a mocidade galega, os gobernos da dereita están implementando un ataque sen precedentes e perfectamente planificado para empobrecernos e precarizarnos cada vez máis, obrigándonos a coller a maleta. Por iso, a mocidade independentista acreditamos en que para mudar esta situación é fundamental que poidamos decidir, xa que a meirande parte destas políticas destrutivas veñen ordeadas desde Europa e España. Por iso, o dereito de autodeterminación é para nós unha reivindicación fundamental para decidir o noso futuro, para escoller sobre a nosa economía e que a clase traballadora sexa quen arbitre o seu destino, sen subordinacións aos poderes financeiros. Queremos soberanía para decidir o noso futuro e xestionar os nosos recursos, poñéndoos ao servizo das clases populares para demostrar que existe unha alternativa que combate a desigualdade social: o socialismo.

Diante do éxodo xuvenil e do aumento do desemprego, debemos responder radicalmente e deixarlles claro que non nos van botar fóra tan doadamente. Abondan razóns para rebelármonos. Desde Isca! acreditamos na loita anticapitalista e comunista como a única capaz de derrubar un sistema inxusto para construír outro alternativo, o socialismo. Desde o espazo ideolóxico soberanista do que facemos parte son moitas as loitas políticas, sindicais, estudantís e xuvenís na que son precisas máis mans para tecer esas alternativas. Diante do estado de agresión permanente á mocidade só cabe que respondamos coa organización, coa mobilización, coa rebelión!

Non podemos permitir que nos boten fóra da terra, que se vaian @s responsábeis da crise!

>Descarga en pdf