Máis información:

O ensino é unha das ferramentas de dominación máis potentes que existen e máis para un País como o noso, sen soberanía económica e sen soberanía política. Un País dependente onde o sistema educativo actúa como un elemento de homoxenización cultural, de profunda desgaleguización, de destrucción da nosa identidade como Pobo e de conversión das xeracións máis preparadas de galegas e galegos en man de obra precaria fácilmente explotable polo Capital. En afondar no elitismo, no clasismo, na concepción do coñecemento como un ben mercantil e na creación de autómatas sen espírito crítico baséase a LOMCE: un novo e durísimo ataque da oligarquía contra o ensino público, enmarcada nas reformas que se teñen feito nos últimos anos na liña de desmantelar e mercantilizar un dos piares básicos de calquera sociedade.

A LOMCE baséase na vontade mercantilizadora do ensino e de como este debe de estar suxeito aos procesos económicos e aos seus resultados, é dicir, debe axustarse ás demandas dos mercados, do capital. Para isto fomentan a competitividade entre os centros para a obtención de novos recurso priorizando o financiamento privado (vía convenios con empresas) fronte ao público, refórmanse os organismos de goberno dos centros para facer deles órganos simplemente consultivos, inclúense até 3 as reválidas para a obtención dos títulos ao rematar os diferentes tramos do ensino, elimínase Lingua e Literatura galega como materia obrigatoria do ensino puidendo unha persoa obter titulacións sen acreditar un coñecemento real na nosa lingua ou subvencionanse os centros educativos que dean a totalidade das súas asignaturas en castelán e aqueles que segreguen por sexos etre outras medidas.

Fronte a isto nós reivindicamos un modelo de ensino puramente en galego, público e de calidade, incardinado na realidade galega e que aposte necesariamente polas potencialidades do noso País. Democrático e participativo, no que as estudantes fagan parte verdadeiramente na vida educativa, no goberno das escolas e universidades, na toma de decisións sobre o seu funcionamento garantindo un futuro mellor e máis xusto para as vindeiras xeracións e non só asistindo a aulas, estudando ou facendo exames. E non patriarcal, un sistema educativo baseado en valores feministas apostando pola superación do patriarcado e que avance na igualdade real de homes e mulleres.

>Descarga en pdf