Máis información:

Máis unha vez as defensoras da lingua vémonos na obriga de saír á rúa para defendela dos ataques do españolismo, que son cada vez máis indiscriminados e directos ao aproveitaren que a grave crise económica e social tende a deixar fóra dos focos de atención ás linguas e á cultura. Diante disto e malia a vaga represiva que está a vivir Galiza nos últimos meses, as mozas galegas mobilizámonos contra os ataques á nosa lingua e identidade, somos conscientes de que os desgobernos do PP non cesarán de artellar novos marcos legais e reformas baixo as que amparar a súa estratexia uniformizadora e non llo imos permitir.

Desde Isca! esiximos a derrogación do decreto 70/2010 polo que se regula a presenza das linguas no ensino. Esta artimaña legal veu a substituír, contra a oposición da comunidade educativa e de boa parte da sociedade, o decreto 124/2007, que simplemente daba corpo ao recollido no Plan Xeral de Normalización Ligüística (2004) aprobado por todas as forzas políticas galegas e sistematicamente incumplido polos gobernos populares, quen agora pasan de non acatar o cativo marco legal a desmontalo para desbotar calquera paso adiante posíbel na normalización da lingua galega. O mal chamado decreto de plurilingüismo non é máis que outra ferramenta homoxeneizadora do Estado español, que non contento con subordinar a nosa lingua propia á súa, engade agora o inglés para camuflar as súas intencións coa demagoxia dun pseudoplurilingüismo. O galego convive xa de por si nun marco xurídico desfavorábel fronte ao español, pois só o coñecemento deste é obrigatorio. Máis unha vez, temos que lembrar que non se pode falar de liberdade se non existen condicións de igualdade.

Tamén, esiximos a retirada do proxecto da LOMCE por ser un ataque directo ao ensino público e máis á diversidade cultural e lingüística, pois a súa aprobación abriría as portas a que o proxecto uniformizador e privatizador do PP camiñase aínda máis rápido, desmatelando ao seu antollo o ensino e fortalecendo o seu proxecto neoliberal. A LOMCE pretende recuperar o modelo de ensino franquista incorporando até tres reválidas no ensino obrigatorio, poñendo así máis trabas no acceso á Universidade e obrigando aos mozos a se incorporaren canto antes a un mercado laboral máis precarizado. O ensino da materia de relixión está garantido coa LOMCE até o Bacharelato, tendo máis peso curricular que a lingua e literatura galega, todo isto enmarcado nunha redución do 45% ao 35% das competencias de Galiza para fixar as ensinanzas mínimas en todos os niveis educativos.

O conflito lingüístico é unha batalla secular na que nós pulamos pola súa resolución a prol da hexemonía social do galego. Por iso, non podemos permitir a volta atrás nos dereitos para a lingua conseguidos no ensino, pois é un sector fundamental para a súa normalización, que só se conseguirá camiñando cara modelos testados positivamente noutras nacións sen estado como a nosa: a inmersión lingüística no idioma minorizado. Para alén disto, é necesario loitar polo cumplimento da cativa lexislación lingüística e pola superación dos seus mínimos impostos, de cara a irmos acumulando forzas na superación da situación de desigualdade. Tamén, as mozas de Isca! somos conscientes das enormes potencialidades que o ensino do portugués tería na Galiza, aproveitando todas as vantaxes dunha lingua internacional como a nosa e permitíndonos avanzar cara a un relacionamento máis estreito co resto de países lusófonos. Por este motivo, apoiamos a ILP Paz-Andrade que pretende atinxir os devantidos obxectivos.

Con España non temos futuro, necesitamos camiñar cara á soberanía nacional e á construción dun Estado galego como único marco posíbel onde resolver o conflito lingüístico ao noso favor e onde construír un sistema educativo público e de calidade para as clases populares do noso país.

Diante da situación que vivimos hoxe en día, a mocidade revolucionaria temos claro que debemos axitar socialmente para combater estas agresións, mais tamén tecermos e difundir as nosas alternativas aos modelos imperantes, nas coordenadas do socialismo e o soberanismo, de cara a recuperar e aumentar os nosos dereitos como clase e como pobo. Paremos o exterminio:

na Galiza, en galego!

>Descarga en pdf