Isca!

Principios ideolóxicos

Art.1.

  • Isca! é unha organización xuvenil asemblear e democrática, que aspira a unir a mocidade revolucionaria galega na loita pola independencia nacional e a superación do capitalismo, pola construción do socialismo e o comunismo.
  • Galiza é unha nación colonizada e, polo tanto, ten dereito á súa autodeterminación. Entendemos esta como un proceso que conduza á independencia nacional, entendida como o exercicio da soberanía plena, tanto no institucional como no económico.
  • Consideramos o capitalismo un sistema inxusto por definición, e só desde a súa superación poderemos construír alternativas viábeis para o noso pobo. Traballaremos pola construción de modos de vida alternativos á lóxica do capital.
  • Recollemos as ideas de Marx, Engels e Lenin a a partir das cales se funda unha teoría política que interpreta a realidade concreta de cara á súa transformación revolucionaria, así como de todas as achegas do pensamento revolucionario, particularmente do movemento comunista e de liberación nacional.
  • Facemos nosa a causa revolucionaria da loita pola liberación das mulleres, contra o patriarcado, contra o sexismo e a discriminación. Mentres non erradiquemos toda forma de opresión e dominación por razón de xénero non haberá unha sociedade xusta nin democráctica. Consideramos obriga de todas as mozas e mozos traballar pola abolición do sistema patriarcal e asumir posicións feministas en concordancia coas análises revolucionarias da realidade.
  • Opómonos á destrución dos recursos naturais por parte do sistema capitalista que antepón a súa procura de lucro á conservación do planeta e aos intereses do conxunto da humanidade. Declarámonos ecoloxistas, asumimos a loita na defensa do medio ambiente ante este modelo irracional que espolia os nosos recursos naturais, defendendo a necesidade dun sistema económico planificado en harmonía coa natureza.
  • Traballamos no movemento popular galego coa perspectiva dunha transformación profunda e radical da sociedade galega mediante un proceso revolucionario baseado na loita de masas e na participación directa das clases populares galegas na toma de decisións políticas e económicas.
  • Isca! é unha escola de cadros revolucionarios que aspira a formar mozas e mozos na teoría e na praxe revolucionaria, dotándoa de ferramentas de análise para a transformación da realidade.

Art.2.

  • Isca! asume o programa e os principios ideolóxicos do Movemento Galego ao Socialismo e da Frente Patriótica.
Vídeo da nosa V Asemblea Nacional