Por uns prezos dignos para o leite

Novas mobilizacións de labregas e labregos volven ocupar as rúas para facer escoitar as súas queixas ante os inxustos prezos do leite, os abusos da industria e indiferenza do goberno. Nesta ocasión a reivindicación é a mesma que se ven facendo desde hai meses ou mesmo anos: que a industria lles pague un prezo xusto polo leite que producen. Un prezo que cubra os custos de produción soportados polas labregas e labregos, estimados en non menos de 0,37€, e que se teña en conta tamén o propio traballo.

Maniféstanse contra os abusos que a industria comete ao retrasar e incumprir os pagos, ou pagar menos do prezo acordado, mesmo o emprego de chantaxes con non recoller o leite se non asinan un contrato cun prezo imposto unilateralmente pola industria. Roubos literais onde, sen previo aviso recúrtaselles o prezo do leite, pendente de cobrar, á metade; ou se abandonan esa empresa non se lles paga o acordado. A mesma industria que ano tras ano recibe desorbitadas cantidades de diñeiro por parte da administración e que debera ser adicado a mellorar a calidade de vida das labregas e labregos.

É una loita labrega contra o sistema capitalista de sempre, na que iniciativas como a do Sindicato Labrego Galego de fixar un prezo mínimo protexido, como lles corresponde aos produtos de primeira necesidade, comeza a ter sentido para para moitos e así darlle algo de estabilidade a un sector que cada ano ve como centos de explotacións agropecuarias teñen que pechar, xa que non gañan abondo para cubrir custos e manter a actividade. É por iso que facemos un chamamento para que a sociedade se solidarice con este sector e apoie con tódalas forzas as iniciativas dos labregos fronte á pasividade dos gobernos. Xa que a conservación da Galiza rural, dos seus costumes, cultura, paisaxe, …, depende da supervivencia das explotacións agropecuarias, e iso xa non só é un problema das labregas e labregos, xa é un problema de todas e todos nós.

A continuar recollemos un video editado polo colectivo GzVideos da recente mobilización do sector lácteo na Coruña:

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario