Personaxes revolucionarias, Ho Chi Minh

Autor: Isca!

Sobre o autor:

Isca! é unha organización xuvenil galega que traballa polo horizonte estratéxico da construcción dunha República Socialista Galega desde posicións feministas e revolucionarias.

Máis información:

Ante ti tes un novo documento formativo, a través dos cales Isca! pretende difundir a quen lle interesar figuras, obras, loitas e feitos que ao longo da historia teñen contribuído nos diferentes pobos do mundo a avantar cara a soberanía nacional e a xustiza social. Pretendemos con estes cadernos fomentar a reflexión e o debate entre a nosa militancia de cara a afortalar mediante a aprendizaxe colectiva os alicerces teóricos e ideolóxicos sobre os que asentamos o noso axir como activistas.

Desta volta, no día do seu 45 cabodano, centramos o debate formativo na figura de Ho Chi Minh, comunista vietnamita artífice da loita contra o colonialismo francés que rematou coa toma do poder por parte do Vietminh e a proclamación da República Democrática de Vietnam. Escollemos para tal efecto tres aportacións que o camarada Ho Chi Minh fixo para a historia: A declaración de independencia de Vietnam (1945), Accións que “deben ser feitas” e que “non deben ser feitas” (1948) e O leninismo e a liberación dos pobos oprimidos (1955).

A tenrura dos pobos é a solidariedade e o recoñecemento internacionalista das loitas. Loitas como a do Vietnam, loitas como as das demais nacións oprimidas que axuntaren forzas no embate contra a dominación colonial. Esta e outras experiencias históricas de nacións oprimidas, onde a loita de clases se manifesta en forma de loita de liberación nacional, nas que o pobo se ten organizado cara á construción dunha patria soberana e socialista, sérvenos ás galegas para aprendermos no noso camiñar por unha Galiza ceibe e sen explotación.

Porque, como dixo Ho Chi Minh: “nada é máis fermoso que a Independencia e a Liberdade!