Isca!

En destaque

Parar as políticas que nos empobrecen, construír o contragolpe popular!

Na Galiza, Folga Xeral!

En primeiro lugar, cremos que as condicións obxectivas para a folga xeral e unha masiva resposta popular existían hai tempo e seguen a existir actualmente. Logo duns primeiros anos de crise onde todos os indicadores económicos eran negativos, agora véndesenos unha recuperación e un crecemento económico sostido e paulatino nos últimos 4 anos. Porén, as condicións materiais de vida das clases populares galegas non melloran. A caracterización do emprego no noso país (nomeadamente entre a xente moza que se incorpora por primeira vez ao mundo laboral) segue un patrón que se repite de xeito continuado: unha elevada temporalidade e uns baixos salarios.

Nunha situación como a actual, a lóxica do capital é aumentar a extración da maisvalía do traballo para garantir que se manteñen as súas taxas de gaño. Así, nos períodos de crise económica é a clase traballadora e o conxunto das clases populares quen cargamos con todo o peso da mesma (concretado nas políticas antipopulares que levaron adiante PSOE e PP no goberno do Estado e o PP na Xunta de Galiza). Isto vese incrementado dada a nosa situación como periferia europea, xunto coas relacións de dependencia política e económica de Galiza a respecto do Estado Español.

En segundo lugar, valoramos que un cambio de goberno en Madrid non implica necesariamente mellora para as condicións laborais, actualmente moi precarias, da clase traballadora galega. Primeiro, porque a nula importancia que ten Galiza e os seus problemas para os sucesivos gobernos de Madrid, sexan da cor que sexan, xa está máis que demostrada. Segundo, porque o PSOE é peza fundamental do réxime do 78: cunha carauta máis progre, é un acérrimo defensor da ditadura dos monopolios, como así o amosa a súa traxectoria ao longo dos últimos 40 anos, ao servizo das clases dominantes e o proxecto nacional español.

Ante isto é deber do movemento soberanista galego no seu conxunto, tamén do movemento xuvenil, denunciar que a entrada dun goberno coma este non supón avance algún das nosas reivindicación nin solución algunha ás nosas necesidades. Estas non pasan por pedir migallas para unha fracasada autonomía, senon por levar aos barrios e aos centros de traballo e estudo a necesidade da ruptura democrática e do proceso constituínte galego. Ser soberanas, ser donas do noso futuro como condición necesaria para rematar coa nosa dependencia.

En terceiro lugar, debemos seguir a reforzar un marco galego de loita política. Apostar de xeito inequívoco pola auto-organización nacional e a loita popular, sen subordinala de ningún xeito á xestión dunhas institucións impostas pola legalidade que emana do postfranquismo. A participación nelas non é nin o único nin o máis prioritario, combatendo tamén así a excesiva idealización das súas posibilidades e expectativas. Lembremos que o poder non está nos parlamentos senón fóra deles, en mans do capital.

Aliás, entendemos que a convocatoria dunha folga xeral non se debe tomar como un feito illado, senón como a ferramenta máis poderosa que temos como clase, como o impulso máis contundente para retomar a ofensiva e a mobilización contra o capital. Para articular un programa de mínimos políticos que derrogue as reformas laborais que nos precarizan e empobrecen, que defenda o sistema de pensións públicas, que impida máis retroceso nas liberdades e dereitos políticos, que remate coa privatización de servizos públicos e que garanta vivir, traballar e estudar con dignidade na terra. Que nos permita colocarnos en mellor posición para os combates que virán. E, por último pero non menos importante, pola unidade da clase obreira galega en torno a un proxecto de ruptura democrática co Estado Español que conduza a unha Galiza independente superadora do capitalismo.

Polo tanto, animamos ao pobo galego en xeral e a mocidade traballadora en particular a mobilizarse para defender o que é noso: se as traballadoras todo o producimos, a nós todo pertence. Nese camiño dunha máis que precisa folga xeral poremos todas as nosas forzas, de xeito humilde pero honesto e contundente, a través da militancia política, sindical e estudantil para xerar esas condicións subxectivas que permitan asestar un primeiro pero duro golpe aos inimigos do noso pobo e da nosa clase.


Relacionado con isto, o vindeiro 19 de xuño a CIG convoca unha xornada nacional de mobilizacións baixo o lema “xa é hora de recuperar os nosos dereitos!“:

  • A Coruña: Praza de Vigo, 20h.
  • Cee: Praza 8 de marzo 20h.
  • Ferrol: Praza de España, 20h.
  • Santiago: Praza Roxa, 20h.
  • Pontevedra: Praza da Ferreiría 20h.
  • Vilagarcía: Casa do Mar, 20h.
  • A Estrada: Praza do Mercado, 20h.
  • Vigo: A Doblada, 20h.
  • Ourense: Edificio Sindical (Parque de San Lázaro), 20h.
  • Lugo: Edificio Sindical (Ronda da Muralla), 20h.
  • Burela: Local CIG (Avda. Arcadio Pardiñas), 20h.
  • Monforte: Praza de España, 20h.
  • As Pontes: Praza do Hospital, 19:30h.
  • A Pobra do Caramiñal: Cantón da Leña, 20h.

Difunde!