Isca!

En destaque

Os que morren pola vida non poden chamarse mortos


Hoxe morreu Chávez. O Comandante Hugo Rafael Chávez Frías, presidente da República Bolivariana de Venezuela, derrotou unha e outra vez o imperio, a CIA, a oligarquía criminal e até un golpe de estado, mais non puido vencer finalmente o cancro logo dunha batalla que durou ano e medio.

Con el vaise o patriota que liderou a segunda independencia e a renovada esperanza bolivariana da integración dos pobos de latinoamérica. O militar revolucionario que o 4 de febrero do 92 ergueu a voz e as armas pola grande maioría explotada, a mesma que o levaría ao goberno 6 anos despois pola vía electoral, despois de pasar pola prisión. O dirixente político que recuperou e deu nova vida ao soño do socialismo no século XXI. O presidente que gañou a súa 16ª convocatoria electoral baixo as consignas de independencia e patria socialista, tan necesarias para todos os pobos do planeta, tamén para o noso.

Deixounos Chávez mais fica todo un pobo organizado, loitador e combativo, o que o trouxo de volta o 14 de abril de 2002 e que ten a tarefa de seguir a construir o seu soño, que é o mesmo de todos os desposuídos do mundo.

Fica o ALBA, os Consellos Comunais, as Misións e tantísimas conquistas sociais e políticas da Revolución Bolivariana, e sobre todo fican millóns de militantes dispostos a defender o seu legado e a construcción dunha sociedade plenamente xusta e democrática, sen explotadores nin explotados.

A alegría de quen hoxe festexa a súa morte, a obscena unanimidade desinformadora de todos aqueles que mañá seguirán a manipular e mentir sobre a realidade daquel país, debe servirnos a nós para seguir a acumular toda a nosa raiba antiimperialista, mais necesaria que nunca no combate contra a oligarquía e os seus lacaios. Un combate solidario en apoio a un proceso revolucionario que debe continuar agora con máis alento aínda, e no que as forzas revolucionarias de todo o mundo estamos a xogarnos moito.

Por iso , a mellor homenaxe será continuar a solidariedade e a nosa loita até vencer, aquí e agora, pola independencia e o socialismo na nosa patria e en todos os pobos do mundo.

Porque como cantaba Alí Primera, outro revolucionario venezolano que deixou o mundo antes de tempo: “os que morren pola vida non poden chamarse mortos”.

Viva Chávez!

Patria socialista ou morte!

Difunde!