Isca!

En destaque

O mundial de fútbol como arma de propaganda masiva. Fóra a súa bandeira!

 

En poucos días dará comezo unha nova cita do mundial de fútbol masculino e, como xa ten acontecido no pasado, a proliferación masiva de simboloxía española por toda a xeografía galega. Comprobaremos, máis unha vez, que as vitorias de España son utilizadas cuns fins políticos moi concretos: como arma politizadora e ideoloxizadora de propaganda masiva, como exaltación e furor do proxecto nacional español e como normalización (aínda máis) nas rúas dunha simboloxía que representa a aniquilación dos pobos e das clases populares.

Estes eventos que se celebran de forma cíclica son aproveitados para que os sectores máis reaccionarios e fascistas saian á rúa sen carauta. Coa excusa do éxito de España nestes campionatos internacionais, fan apoloxía das décadas de asoballamento e ausencia de liberdades neste réxime postfranquista. Non son casuais as exaltacións á unidade indivisible de España (aínda máis fanatizadas co gallo do proceso de ruptura independentista en Catalunya), a apoloxía descarada do terror franquista ou o ataque a símbolos e locais asociados ao soberanismo.

Os éxitos deportivos amósase como unha reacción de optimismo perante a mala situación económica e social que sufrimos as clases populares e os pobos que conformamos o Estado Español, como se as problemáticas reais desaparecesen por pendurar a rojigualda ou levala pintada no corpo. Se afirmamos que as condicións materiais de vida das clases populares galegas non melloran, forzadas é explotación extrema e á emigración. Se comprobamos que a caracterización do emprego no noso país segue un patrón que se repite de xeito continuado de elevada temporalidade e baixos salarios. Se analizamos que a lóxica do capital é aumentar a extración da maisvalía do traballo para manter as súas taxas de gaño, e para isto é preciso manter o status quo vixente do réxime do 78 mediante represión, a censura e o recorte de liberdades políticas. Se denunciamos a situación das mozas galegas a nivel social e laboral, que se traduciu na masiva resposta do pasado 4 de marzo, que demostra que o machismo segue a ser un dos eixos vertebradores deste sistema. A orxía chovinista española é un auténtico analxésico social.

Os voceiros do réxime reclaman a separación do deporte e a política. Isto soa irónico cando unha das competicións máis importantes do estado leva o nome de “Copa de El Rey”, presidida polo neto político de Franco e coroada polo Himno de España. Porque o deporte, como todo, sabemos que non é algo neutral. Susbstituír a nosa identidade e a eliminación do sentimento galego tamén se pode facer a través do deporte, ben sexa eliminando todo rastro das nosas seleccións deportivas nacionais ben sexa creando unha auténtica marea españolista na nosa terra.

Sobre isto último cómpre sinalar tamén a complicidade de gobernos municipais que non dubidan en axudar a normalizar este tipo de sentimento gastando miles de euros na instalación de pantallas xigantes, a organización de diferentes eventos relacionados coa competición ou mesmo permitindo que o espazo público sexa masivamente ocupado nos festexos mentres moitas manifestacións contrarias ao sistema requiren da superación de trabas moi importantes.

Mención a parte do monopolio que o fútbol (o masculino, pois o feminino está completamente excluído das axendas mediáticas, sociais e políticas) exerce como espectáculo masivo que eclipsa a grande diversidade de disciplinas deportivas no noso país (algunhas impulsadas até de xeito militante). Como dixemos antes, o deporte non é neutral, e este é utilizado na estratexia do Estado Español para limitar de xeito plenamente consciente a resposta do noso pobo, até o punto de aceptar acríticamente as primas de perto de 900.000€ que cobraría cada xogador por gañar o mundial (moitos nin os cotizarán no estado) ou as débedas que os clubes aínda teñen coa facenda pública (máis de 200 millóns de euros).

Animamos a respostar a este “fervor patriótico”, a erguer iniciativas encamiñadas á promoción, divulgación ou reivindicación do deporte galego e/ou impedir que as rúas galegas se enchan de teas vermellas e amarelas.

Difunde!