[6 de decembro] O inimigo coa carauta fóra. E nós que facemos?

 

Coa evolución dos acontecementos en Catalunya vemos novamente a natureza represiva do réxime español, unha faciana que xa puidemos observar noutras ocasións en Euskal Herria e na aliza, sempre cun mesmo denominador común: procurar derrubar a alternativa independentista. Semella que o inimigo nacional e de clase está a desenmascararse públicamente e nós, se actuamos en consecuencia, seremos capaces de aproveitar este contexto para acumular forzas para o obxectivo da liberación nacional da Galiza.

O que está a pasar en Catalunya non é un problema do actual goberno español do PP e, polo tanto, non se soluciona mudando de xestores do réxime: é unha cuestión de Estado, o que amosa a certeza das teses dos movementos revolucionarios e de liberación nacional. O Estado español é un aparello monárquico, xudicial, legal, institucional, policial, militar e mediático deseñado para defender os intereses de clase do capital monopolista, cuxo proxecto xira ao redor da sumisión dos pobos oprimidos polo imperialismo español.

Por outra banda, tamén ficou bastante claro o papel que xoga o marco autonómico, unha farsa deseñada para manter a subordinación ao Estado español e bloquear as loitas independentistas. Cando un goberno autonómico deixa de cumprir esa función, a autonomía pode ser suspendida e o goberno destituído e mesmo encarcerado. Por iso, dentro da autonomía non hai ningún camiño que leve ao exercicio da autodeterminación, o cal non é posíbel por vías legais ou institucionais.

Finalmente, cómpre sinalar o papel das alianzas imperialistas como a UE e a OTAN, que no caso do proceso catalán defenden a unidade estatal e o marco constitucional español, ao mesmo tempo que apoian o Maidán nazi, a oposición fascista venezolana (que recibiu o Premio Sajarov da UE) ou o terrorismo islamofascista contra Siria ou Libia. Ditas organizacións apoian procesos de independencia contra Estados democrático-populares ou socialistas (como por exemplo, a URSS ou Iugoslavia) mentres rexeitan procesos como o catalán, que cuestionan a integridade de Estados imperialistas. Polo tanto, a función da UE e a OTAN non é de defender a “democracia” ou os “dereitos civís”, como din algúns sectores caracterizados polo seu europapanatismo e atlantismo, senón defender os intereses dos monopolios, como levan facendo desde a súa fundación. Todo proceso de liberación nacional contra o Estado español está condenado a confrontar coa UE e a OTAN e, polo tanto, a única alternativa é rachar con estas estruturas.

Tendo en conta esta crise do Estado Español, a nosa resposta como soberanistas galegas debe estar á altura do momento histórico que estamos a vivir. Por iso, apostar pola participación nunha reforma constitucional, como queren facer algúns sectores do nacionalismo galego, non leva a ningures. É unha vía que lexitima o marco capitalista e colonial español, espallando falsas ilusións na súa optimización e lexitimando a opresión nacional e de clase a través do pacto coa burguesía monopolista. Significa, en definitiva, contribuír a estabilizar o proxecto imperialista español. Desde unha perspectiva histórica, cómpre lembrar a posición coherente desenvolvida polo nacionalismo popular galego nos anos 70 fronte á farsa da “Transición”, gañándolle neses anos a hexemonía no campo da esquerda ao reformismo españolista representado polo PCE, amosando que intervir políticamente non é sinónimo de intervir nas reformas cosméticas da oligarquía e o imperialismo.

Analizando a realidade concreta dos nosos días, vemos que nin sequera é posíbel a curto e medio prazo esa reforma española que algúns sectores nacionalistas galegos procuran, posto que o fascismo é a resposta do Estado Español fronte ao proceso catalán. A desfavorábel correlación de forzas para a clase traballadora no Estado e a nivel mundial é o mellor escenario para a perda dos nosos xa escasos dereitos e liberdades, beneficiando ao grande capital. No que se refire a Galiza, padecemos unha grave crise nacional, manifestada a nivel demográfico, social, laboral, produtivo, linguístico ou cultural que ameaza coa desaparición da Galiza como nación. Por todo isto é urxente construír unha alternativa independentista para o noso país e desbotar a opción de participar nunha reforma constitucional. Dentro de España e a UE, Galiza non ten futuro como pobo.

A única alternativa é construír unha folla de ruta na que a táctica sexa coherente coa estratexia: só así será posíbel aproveitar o actual contexto político para avanzar e elevar o nivel de conciencia nacional e de clase das masas. Defender unha reforma constitucional serviría para reforzar ao inimigo, polo que é incompatíbel coa defensa dos obxectivos estratéxicos. Apostar pola ruptura con España, a UE e a OTAN para erguer unha República Galega independente ao servizo do pobo traballador esixe reorientar a liña desenvolvida polo proxecto nacional-popular.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario