O eucalipto, un cadaleito de mistos para o rural.

Nun rural despoboado e avellentado, son moitas as familias que deciden plantar este cultivo como un método para conseguir ingresos a medio prazo. O eucalipto ten a vantaxe de que non hai que estar pendente del, ademais de ser o seu cultivo fomentado por empresas como Ence, que o publicitan e dan facilidades na replantación e no corte da madeira. Tamén a Igrexa se suma a este monocultivo: nas súas numerosas propiedades, o clero explota o monte incumprindo moitas veces as distancias legais con respecto aos núcleos rurais. Estase chegando ao extremo de crear novas plantacións en xacementos arqueolóxicos destruíndo así o noso Patrimonio Cultural. Malia estar prohibido, son moitos os lugares rodeados de eucaliptos, o cal é un serio perigo que pode ocasionar catástrofes como as acontecidas recentemente en Portugal. A Xunta de Galicia, á súa vez, non vixía que se respecte a normativa, xa de por si insuficiente. Isto é algo que ven denunciando o BNG e asociacións ecoloxistas como ADEGA.

Como mocidade concienciada debemos ter en conta o dano que está a ocasionar este monocultivo: destrúe a biodiversidade, o noso pasado e tamén o noso futuro, xa que o rural pode xerar moito emprego se xestionamos o territorio dun xeito consciente. A realidade é que o bosque autóctono, os campos de cereais, os prados e mesmo as hortas que existían onde hoxe só hai eucalipto son capaces de xerar moita máis riqueza que eses mistos arbóreos cuxa eliminación é necesaria para un repoboamento do rural.

Como mocidade concienciada temos que intentar mudar o axir dos nosos achegados, comezando pola nosa familia. Temos que facerlles ver que plantar eucalipto quere dicir sementar deserto. Como revolucionarias temos que entender que nun capitalismo global o comercio de proximidade, o autoconsumo e o sistema agropecuario galego son unha ameaza real para o Capital, o cal se esforza en destruílos e contra o que nós debemos loitar consumindo e producindo de xeito local.

Por todo isto, é preciso que participemos nos movementos populares en defensa doutro modelo forestal e de xestión do territorio. Como defensoras da Nosa Terra, para termos futuro aquí e non ter que procuralo fora do País.

Lumes nunca máis! Defender o monte é defender Galiza!

E quen vixía o monte?

A Xunta de Galicia precariza as campañas de extinción contra os incendios, e a falta de dotación real fai que os nosos montes sexan vixiados polo Exército Español nos meses de verán, aumentando a simpatía da poboación galega cara este.

As brigadas forestais contratan de xeito temporal a moitas mozas que non reciben nin os medios nin a dotación necesarias para facer correctamente o seu traballo. As empresas concesionarias da extinción forestal son empregadas para fortalecer as redes clientelares do Partido Popular reforzando o sistema caciquil galego. Nos concellos pequenos tamén se dan estas redes de favores así como nas deputacións provinciais e Xunta de Galiza.

A vixilancia e control dos montes debe ser profesionalizada con convocatorias públicas de emprego que eviten o enchufismo e que xeren emprego de calidade durante todo o ano, pois para que o monte non arda en verán é preciso que durante o inverno haxa tarefas de limpeza e xestión forestal.

Desde Isca! queremos mandar un saúdo á mocidade que arrisca a súa vida na defensa dos montes e que esperamos poidan mellorar a calidade dos seus postos de traballo.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario