Isca!

Convocatórias

Nova mobilización en defensa da Ría do Burgo

A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo vén de convocar unha manifestación para o próximo domingo 2 de outubro, que sairá ás 12 do mediodía da Praza de Europa, no Burgo (Culleredo).

Tanto a Xunta de Galiza (que recoñece que só están controlados aproximadamente un 20% dos verquidos da ría) coma o Estado, ademais de escorrer o bulto sobre a responsabilidade no saneamento da ría, seguen facendo oídos xordos ás reivindicacións da Plataforma catro anos despois da súa constitución. Segundo sinalan desde a Plataforma, a produtividade actual da ría para o marisqueo sitúase nun 21%, fronte ao 25% que tiña en 2009, e advirten que de non realizarse unha limpeza e dragado urxentes, o estado da mesma continuará degradándose e a recuperación será máis complexa no futuro. Ademais, a situación da ría do Burgo viuse agravada cando a principios de mes produciuse un verquido de 37.000 litros de queroseno, feito que serviu de detonante para a convocatoria da mobilización. Por outro lado, segundo informan desde a Plataforma, pouco se ten avanzado na aplicación de sancións aos causantes directos ou indirectos dos verquidos sobre a ría.

A polémica sobre o saneamento da ría do Burgo chegou a Bruxelas, onde representantes da Plataforma levaron as súas reivindicacións debido aos continuos e históricos incumprimentos nos que o Estado español incorre no referente á calidade das augas para a cría de moluscos e o tratamento das augas residuais urbanas.

Difunde!