Nós apoiamos o cerco galego!

cerco cerco2

Galiza ten 123 barcos de cerco con case 1300 mariñeiros que dan traballo a máis de 5000 persoas. Nestes momentos a totalidade da flota do cerco está paralizada por mor do actual modelo de reparto de cotas, que penaliza a flota galega e beneficia a flotas doutros lugares do estado. Este reparto faise en base ao histórico de capturas entre 2002 e 2011, obviando todo o período anterior. Isto supuxo que os barcos galegos lograsen o 24% da cota de pesca fronte ao 48% que lle corresponden aos barcos vascos, sendo menos da metade en número, ou ao outro 24% que lle corresponden aos barcos cántabros sendo menos da terceira parte en número de barcos.

Este sistema prima con máis cotas a quen máis pesca, a quen esquilma o mar, entendendo que precisan máis capturas para sobrevivir e penaliza á nosa flota que é quen menos capturas ten, quen ten reducido os días de actividade (4 días á semana), os barcos máis pequenos e é a menos perxudicial para o mar. A parálise actual amosa que o sistema de reparto de cotas é irreal e non permite sobrevivir. O sector está sometido a unhas medidas de control desproporcionadas froito dun reparto que se fai de costas á realidade e sen que o goberno galego faga nada para buscar unha solución. É precisa unha revisión urxente do reparto, buscando un novo baseado en criterios sociais como o número de tripulantes por barco e unha implicación real dos poderes políticos galegos nunha solución.

Galiza é un país rico mais empobrecido polas políticas do Estado Español e a Unión Europea en beneficio do capital transnacional, os monopolios e contra os intereses do pobo traballador. A solución pasa por conquistar a independencia política e económica para planificar a economía en base as nosas necesidades e garantir un futuro digno para os sectores productivos do país.

Nós apoiamos o cerco galego!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario