Isca!

En destaque

No Día da Patria, movémonos pola soberanía e o socialismo!

Unhas 20.000 persoas participaron na manifestación convocada polo BNG para reclamar soberanía, democracia e traballo. O Día da Patria, que cumpriu coas expectativas en canto á participación da base social e militante, serviu para manifestar as propostas do nacionalismo fronte ás políticas neoliberais de PP e PSOE, en Compostela e en Madrid, nun momento de encrucillada para a clase traballadora galega.

Na animosa manifestación milleiros de nacionalistas berraron en prol da autodeterminación, a liberdade dos pobos, en defensa da lingua ou contra os recortes sociais dos últimos tempos. Xa nos discursos, os representantes do BNG debullaron as razóns da oposición ao capital financieiro e aos malchamados “rescates” impostos pola Unión Europea a Grecia, Irlanda ou Portugal, lembaron as consecuencias das políticas neoliberais en ámbitos como o sector naval galego e apelaron a derrubar o edificio institucional europeo. Ademais, a fronte nacionalista reclamou rachar coa dependencia e imperdir que se aproveite a crise para a recentralización, negando que os problemas de Galiza deriven, como decote suxire á dereita, a un exceso de autogoberno, senón ao contrario, e lamentou a existencia dun goberno autonómico impotente e incompetente.

Neste sentido, o BNG reclama avanzar cara á soberanía real das nacións, arrebatar o poder aos mercados e entregarllo ao pobo, e medidas efectivas fronte á crise e á favor da clase traballadora, en claro contraste cun goberno autonómico que un ano máis repetía o esperpento de reclamar solucións a santos e deuses. Para maior escarnio o arcebispo de Santiago chamou a desobedecer as leis que se opoñen á moral da Igrexa Católica, ante o que nada obxetaron autoridades como o presidente da Xunta, o delegado do goberno español, o presidente do TSXG ou o Valedor do Pobo.

Non pasou inadvertido o singular momento político, coa perspectiva dun posible adianto das eleccións estatais para o outono, anticipo electoral ante o que temos que estar preparados. No plano interno, o BNG prepara xa a Asemblea Nacional, en principio para o 22 e 23 de outubro -agás que se adianten os comicios-, polo que o portavoz nacional, Guillerme Vázquez, chamou á reforzar a “unidade interna”. As distintas forzas do BNG aproveitaron a mobilización, así como o Festigal, para presentar as súas propostas e ideas centrais.

Presenza de Isca! e do MGS

O Movemento Galego ao Socialismo e Isca! marcaron presenza na mobilización, celebrada cinco anos despois da primeira aparición pública da nosa organización. Ambas organizacións conformaron unha nutrida comitiva, ateigada de bandeiras patrióticas, comunistas e de solidariedade internacionalista, na que tamén salientaron os retratos de Marx, Lenin, Castelao, Rosalía e Moncho Reboiras.

A nosa participación serviu así como testemuño expresivo do paulatino afortalamento deste espazo político dentro do BNG. Os distintos voceiros distribuidos masivamente, a revista Arredista e a folla informativa Máis Alá -xa dispoñíbeis nesta web- afundan nas propostas do MGS para o afortalamento dun BNG con incidencia social, asentado no soberanismo e na esquerda. MGS e Isca! tamén melloraron cualitativamente a súa presenza pública no Festigal, no que se instalaron dous postos de reparto e venda de material, polos que pasaron milleiros de persoas ao longo dos dous días, que puideron así coñecer de primeira man os nosos posicionamentos políticos.

Restrición de liberdades democráticas

Non podemos pasar por alto a conculcación de dereitos básicos padecida neste Día da Patria. Se o Concello de Santiago non tardou nin un mes en impedir ou restrinxir actos sociais sen máis xustificación que a vontade inquisitorial e censora, a Policía Nacional chegou a impedir a entrada de persoas con bandeiras na Praza do Obradoiro ao remate da manifestación do BNG. Máis unha mostra da involución democrática que padecemos, que debemos contestar desde a mobilización social.

 

 

Tagged , ,

Difunde!