Movemento Galego ao Socialismo

mgs-mini.png

O 20 de marzo tivo lugar en Compostela unha rolda de imprensa na que tres compañeir@s anunciaron en nome da militancia do Movemento pola Base a súa vontade de seguir a defender o proxecto político aprobado na súa Asemblea Constituínte. Farano baixo o novo nome de Movemento Galego ao Socialismo, superando así o conflito polas siglas do MpB e aclarando o panorama de cara ao futuro, abrindo o camiño para seguir a construir  no seo do BNG e dos movementos sociais un espazo político independentista e socialista comprometido coas intereses da clase traballadora.

De Isca!, saudamos a nova xeira desta organización que segue a ser o noso referente político coa nova denominación e comprometémonos a seguir a traballar para fortalecer ese espazo político imprescindíbel para a mocidade galega e para o conxunto do noso pobo.

A seguir reproducimos un resumo do contido desta comparecencia pública tirado de www.polabase.org:

“O obxectivo desta comparecencia é eliminar o confusionismo existente a respecto da situación do antigo Movemento pola Base. Nós fomos promotores no ano 2006 do MpB e participamos así mesmo na súa Asemblea constituínte que tivo lugar no ano 2007. Nos últimos tempos un sector de compañeiros/as decidiu modificar o rumbo da organización  e desligarse dela aínda non sendo a decisión maioritaria e conservar eles as siglas do MpB e desligarse tamén como opción estratéxica do proxecto do BNG.

Nós somos os continuadores da asemblea constituínte do MpB. Para evitar calquera liorta legal e para evitar seguir enturbiando o clima de xente que fomos compañeiros/as hoxe decidimos renunciar nós ao nome. Hoxe lanzamos esta nova denominación, Movemento Galego polo Socialismo, e a nosa opción estratéxica segue a ser o traballo no BNG.

Xuntamente con ese traballo político nós traballamos no sindicalismo nacionalista, coa mocidade, traballamos nos movementos sociais que actúan no país tanto a nivel nacional como a nivel local.

Queremos anunciar que a partir de xa, nós renunciamos a calquera debate público ou batalla legal por esa sigla, desvinculámonos completamente dela e a partir de hoxe actuaremos como Movemento Galego polo Socialismo.

Reafirmamos tamén -e pensamos que temos que facelo pola situación que se deu-, a nosa aposta política polo BNG, como forza nacionalista actuante no país e nese sentido imos participar do debate aberto que  se está a dar na organización a raíz fundamentalmente do proceso electoral do 1 de marzo. Imos participar nese proceso con tres premisas: a primeira, participación, queremos acadar a maior participación posíbel dentro dese debate, que creo que nos concerne a todos e todas. Cremos tamén que esa asamblea debe ser fundamentalmente una asamblea de debate de ideas. Todo o mundo ten que achegar as súas propostas, as súas posicións. Todas e cada una delas  entendemos que son lexítimas e por último pensamos que ten que ser una asamblea que contribúa á unidade do nacionalismo dentro da pluralidade, que é evidente, pero ten que prevalecer ese afán de unidade desde posicións que deben ser xenerosas, incluíntes e dialogantes entre nós. Esa tamén é a nosa aposta para o proceso aberto.

Isto é o que queríamos transmitir. Non somos nada amigos de saír públicamente nos medios de comunicación, pero a situación entendíamos que nos obrigaba, e neste caso aquí rematamos a nosa intervención. “

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario