Isca!

En destaque

Mobilización polas liberdades democráticas, rexeitamos a “Operación Jaro”

Desde Isca! facemos noso o comunicado do noso partido, o Movemento Galego ao Socialismo, en relación ao chamamento á mobilización convocada por diversas organizaciós políticas e sociais para o vindeiro domingo 23 en Compostela, onde se esixirá a fin do proceso político-xudicial contra as independentistas detidas en 2015 e que se denominou “Operación Jaro“. Mostramos a nosa adhesión e participación na mesma así como a nosa solidariedade ante a represión do Reino de España.

O comunicado a continuación:

Nove militantes independentistas foran detidos en outubro de 2015 no marco da “Operación Jaro”, tras a cal a Audiencia Nacional ordenou a suspensión de actividades da organización política Causa Galiza, posteriormente anulada. Sen embargo, malia que a organización pode actuar con garantías legais –o que desmonta a maior parte da argumentación previa da Fiscalía e da Audiencia Nacional- si continúa o proceso penal contra estes nove militantes, acusados de enaltecimento do terrorismo e de integración en banda terrorista.

Desde o Movemento Galego ao Socialismo queremos aproveitar este novo episodio represivo para chamar a atención sobre o carácter ilexítimo da xustiza española, que continúa a funcionar como unha ferramenta do Estado contra aqueles movementos disidentes que cuestionan o réxime. Esta manipulación instrumental do sistema xudicial exércese con especial intensidade contra as organizacións e iniciativas de liberación nacional e nomeadamente desde a Audiencia Nacional, un tribunal especializado na represión política que tamén simboliza a continuidade e adaptacións das estruturas franquistas do réxime previo.

Tampouco é nova a elasticidade e flexibilidade que se aplican ás nocións de “terrorismo” e ás súas derivacións, como o enaltecemento, a apoloxía, a consideración de “entorno”, etc… Por medio desta linguaxe, e das súas moi concretas consecuencias policiais e penais, o Estado Español aplica unha caste de dereito penal do inimigo que sitúa nunha xigantesca indefensión a aquelas persoas e movementos populares que se mobilizan en defensa de principios soberanistas, e outras e moi diversas causas políticas e sociais, e que xa ten levado á ilegalización de partidos políticos,peches de xornais ou persecucións policiais e penais contra as máis diversas organización.

Esta situación non é meramente conxuntural, senón que responde a estruturas de continuidade, moi en particular, a dominación do Estado Español sobre os distintos pobos a el sometidos e a súa negativa (convincente e reiteradamente demostrada) a contemplar calquera solución que respete as vontades libremente expresadas. Daquela, non chegaremos a superarmos por completo a vía represiva sen unha ruptura total e definitiva co réxime, en clave independentista e popular, que inicie unha nova etapa tamén caracterizada pola extensión das liberdades e dereitos democráticos. No entanto, é preciso que en cada etapa e ante cada golpe sexamos capaces de organizar respostas adecuadas, reforzando a organización e mobilización popular e contribuindo a unha máis positiva correlación de forzas.

En consecuencia, do MGS adherimos e chamamos á manifestación convocada por diversas organización políticas e sociais para o domingo 23 en Compostela, na que se esixirá o fin deste proceso político-xudicial. Por último, transmitimos a nosa solidariedade persoal e política ás persoas encausadas e desexamos que poidan participar con plenitude de dereitos na vida política do noso país.

>> Orixinal na web do MGS <<

Difunde!