Máis un ano, en defensa das nosas seleccións!

colante450.jpg

Xa vai máis de ano e medio da chegada do Partido Popular á Xunta de Galiza, tempo durante o cal  se está a levar unha política dirixida por e para os grupos máis elitistas e antigalegos da sociedade. Un dos sectores máis perxudicados polos recortes impostos desde o goberno é, sen dúbida, o deporte, que se traduce desde a retirada do apoio aos equipos de base até o ataque aos nosos dereitos nacionais que temos como pobo no ámbito deportivo. Durante este tempo, ao Partido Popular faltoulle tempo para eliminar un a un os pequenos avances, xa de por si insuficientes, que se conseguiran durante a anterior lexislatura. Así pois foron suspendidos progresivamente os partidos das nosas seleccións nacionais e estas, malia a vontade de participación de xogadores e adestradores e a ilusión dos seareiros, pouco a pouco eliminadas.

O Partido Popular segue a escudarse na crise económica, paraugas baixo o cal cabe todo tipo de iniciativa política de ataque á nosa sociedade e aos nosos símbolos que nos recoñecen como nación. Sen ir máis lonxe este 2010 será o último ano no equipo ciclista Xacobeo Galicia poderá competir a nivel oficial e internacional xa que a Xunta confirmou a retirada do seu apoio ao proxecto, malia ter uns moi bos resultados nas competicións disputadas. E, mentres o discurso da austeridade serve para desmontar servizos e conquistas sociais, o actual goberno do Partido Popular despilfarra millóns de euros como os invertidos nun evento machista, homófobo e terribelmente patriarcal como foi a visita do Papa a Compostela.

E, a todo o dito, súmase a intensa campaña de propaganda, exaltación e furor pola selección española de futbol que estamos a vivir nestes últimos meses que non ten outra intención que, a través desta arma politizadora e ideoloxizadora que é hoxe o deporte, eliminar o sentimento galego e crear unha marea españolista na nosa terra para sermos máis colonia.

Desde Isca! reivindicamos unha vez máis, e con máis forza de cabe, o noso dereito a contar con seleccións nacionais en todos os deportes e categorías, e a súa participación en partidos oficiais e internacionais. Porque é o noso dereito: unha nación, unha selección!

——————————————————————-

Consecuentemente con isto apoiamos todas as iniciativas que se realicen a prol da oficialidade nomeadamente as que levará a cabo colectivo Siareir@s Galeg@s o vindeiro día 26 de decembro en Ourense:

Programa:

12:00 (Praza Magdalena), III Aberto de Billarda Auténtica; Actuación de Pallasos en Rebeldia e Xantar Popular.

16:00 (Praza Maior), Manifestación Nacional baixo o lema “POVOS EM LUITA, SELECÇONS IRMÁS”.

17:30 (Campo dos Remedios), GALIZA – PALESTINA.

20:30 (Praza Magdalena), Concerto de KELTOI, ROYALTIES e SOM DO GALPOM.

SSGG

 

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario