No capitalismo non temos futuro, imos construir o socialismo

"O capitalismo é indefendible, o imperialismo é indefendible; o socialismo, sexan cales sexan os erros que podan cometer os homes -e non haberá obra humana ningunha sen que se cometan erros- é o máis noble, o máis xusto e o máis digno que se pode levar a cabo.

Fidel Castro

Sabemos que só tumbando o capitalismo e construíndo un sistema social en beneficio das maiorías sociais poderán estar plenamente garantidos os dereitos básicos que asisten a calquer persoa: ensino público e gratuíto, vivenda digna, saúde universal, emprego con dereitos… Ese sistema é o socialismo, sen antangonismos de clase nin desigualdade de xénero, con democracia participativa e desde a base, con medios de comunicación ao servizo do pobo e non das grandes empresas… Con ese horizonte traballamos mais sen renunciar a conquistar e defender parte deses obxectivos no día a día. A Revolución comeza agora!

Como marxistas cremos na loita de clases, os intereses da clase traballadora e o empresariado non son conciliábeis pois uns viven a conta da explotación dos outros e iso impide que podamos asumir calquer análise da nosa sociedade que negue esas contradicións.

A crise neoliberal demostra máis que nunca que este sistema non funciona. En estado “normal”, o capitalismo condena a tres cuartas partes da humanidade á miseria. Agora, en crise, nin sequera é capaz de garantir dereitos básicos á amplas capas de sociedades como a nosa. Por iso temos que derrubar este sistema insustentábel, apostando pola mobilización social para que desta situación de crise saia reforzada a clase traballadora e non o capital que é o responsábel da actual situación.

As alternativas existen, son realistas e son imprescindíbeis. Cuba móstranos que a utopía é posíbel, e as experiencias de outros povos de América Latina demóstrannos que se pode gobernar ao servizo das clases populares e non da oligarquía e aspirar á construción de modos de vida diferentes.

Cómpre desde xa organizar e mobilizar as clases populares con unha perspectiva revolucionaria, co horizonte dun novo sistema baseado na satisfacción das necesidades sociais e non no lucro individual.

Imos construir o socialismo

Social Widgets powered by AB-WebLog.com.