O futuro gáñase loitando. Organízate con nós!

(...) Contra o individualismo e o apoliticismo que nos tentan inculcar, nós pensamos que é tempo de dar a batalla, de organizarse e de loitar. (...)

O sistema quere que nos resignemos e que fiquemos domesticadas e pasivas. Que pensemos que nada se pode facer para cambiar o estado das cousas, e que esta realidade é a única posíbel. Cando non é así, usan a represión e o medo co mesmo obxectivo, desmobilizarnos xusto nun momento en é mais necesario que nunca organizarse e loitar.

A mocidade galega comeza a ser cada vez máis consciente de que están a roubar o seu futuro. Non hai emprego e o pouco que hai é precario e en condicións de explotación extrema. Obríngannos a emigrar. A vivenda cada vez é máis un luxo e non un dereito, e o ensino cada vez máis elitista e españolizador. Discriminan e atacan a nosa lingua propia e a nosa cultura en todos os ámbitos. Impidenlle ás mozas decidiren sobre os seus corpos. Seguen a aplicar recortes ás clases populares mentres os poderosos continúan a enriquecerse. Para garantir que todo iso se leva a cabo sen oposición, recortan as liberdades públicas e os poucos espazos democráticos que ainda existían, reformando as leis e o código penal ao seu antollo.

Temos cada vez máis razóns para facerlle frente a este sistema criminal e corrupto. Cada vez máis motivos para romper de vez co decadente réxime capitalista español, coa dominación patriarcal e con todas as estruturas de opresión. Neste sistema nengún tipo de vida digna é posíbel. É preciso pois ir das loitas concretas ao xeral, defender unha ruptura democrática, dotarnos de ferramentas de decisión e soberania para podermos organizar a sociedade de xeito diferente. E para iso cómpre acumular forzas en todos os ámbitos de todas as que desde a esquerda defendemos a liberdade da nosa nación.

Loitamos por conquistas aquí e agora e en todos os espazos, por defender e recuperar os dereitos roubados, mais sabemos que só con unha mudanza radical de sistema poderemos ter garantida unha vida digna. Non abonda só con parches, por iso traballamos pola independencia, para construir o socialismo nunha república galega con xustiza social e plena igualdade.

Contra o individualismo e o apoliticismo que nos tentan inculcar, nós pensamos que é tempo de dar a batalla, de organizarse e de loitar. A historia demostra que todos os dereitos cos que ainda contamos e que agora tentan arrebatarnos foron conseguidos con esforzo e a loita de xeracións que defenderon un mundo mellor, sen medo a comprometerse. Coa organización política conciente seremos fortes, seremos quen de facer que o medo cambie de bando, comezar a derrubar todos os privilexios e construir desde xa unha sociedade diferente organizada sobre outras bases.

Somos Isca!, organizamos a mocidade galega para loitar por un futuro digno na nosa terra, rompendo con España, co capitalismo e co patriarcado.

Articulámonos como organización xuvenil do Movemento Galego ao Socialismo (MGS), partido comunista e independentista integrado no BNG, frente soberanista e de esquerda pola liberación nacional. Porque hoxe, máis que nunca, é preciso axuntar forzas para transformar a realidade.

Organizámonos e formámonos, loitamos a pé de rúa, no movemento estudantil, no sindicalismo de clase, no feminismo, nos movementos en defensa da terra e no asociacionismo de base de todo tipo, para seguir a xuntar mocidade em base a un proxecto revolucionario.

Chamámoste a dar o paso e organizarte con nós, porque loitar hoxe é construir a sociedade nova do mañá, a Galiza ceibe e socialista que arelamos.

Social Widgets powered by AB-WebLog.com.