Necesidade da organización da mocidade revolucionaria

(...) vemos imprescindíbel a existencia de organizacións revolucionarias que traballen no seo do movemento popular con esta perspectiva de ruptura, de superación do sistema (...)

O nacemento e consolidación de Isca! responde non só á necesidade de articular unha mensaxe crítica e achegar novas formas de traballar no movemento xuvenil ou estudantil e contribuír á súa dinamización en chave transformadora. Ademais, viamos e vemos que é preciso dotarnos dun espazo político propio para a mocidade independentista e revolucionaria, que defenda ás claras a nosa alternativa de clase, superadora do capitalismo e que traballe na perspectiva estratéxica dun estado socialista galego. Pensamos que a mocidade revolucionaria ten que facer parte de organizacións revolucionarias para manter a independencia de clase e para ter un espazo no que desenvolver plenamente o seu proxecto político, formarse e traballar na construción da Galiza do futuro, libre, soberana e con xustiza social.

Temos claro, porén, que ese espazo non é incompatíbel, senón necesariamente complementario con apostas unitarias en todos os ámbitos: non por acaso apostarmos sempre pola unidade do nacionalismo de esquerda no seo do BNG, impulsamos espazos de confluencia amplos e abertos no ámbito estudantil, como a  Liga, ou apoiamos e contribuímos ao medre do sindicalismo nacional e de clase encarnado pola CIG. Alén diso, son diversos os espazos onde traballamos socialmente (desde o asociacionismo cultural ao movemento feminista, pasando polo ecoloxismo, o deporte de base, etc.) pois consideramos que o centro da nosa acción política debe estar na base social e non na cimas políticas ou institucionais.

Entendemos que o traballo social debe estar afastado de burocracias e sectarismos estériles, tendo sempre en mente o necesario respecto que debemos profesar cara a autonomía dos movementos sociais. Trátase de sumar e de aglutinar esforzos contra inimigos comúns, polo que deberemos esforzarnos máis en impulsar a nosa participación nas loitas sociais que se produzan no país e en impulsar marcos de participación comúns para as organizacións sociais nacionalistas co fin de compartir visións e deseñar respostas fortes fronte aos ataques que sufrimos en conxunto. A acción social debe ser unha prioridade para nós, así como traballar a prol das iniciativas de autoorganización do pobo galego, fomentando a construción dunha sociedade combativa, defendendo a necesidade da confluencia de loitas nun traballo de acumulación de forzas para superarmos o sistema vixente.

Ante todo isto, é urxente dedicarmos os nosos esforzos á organización da mocidade nas coordenadas do socialismo e o independentismo, de cara a fortalecer a loita pola emancipación nacional e de clase. Debemos, pois, reforzar e activar o noso corpo militante e traballar asemade para achegármonos a outras mozas e mozos cos que, dentro ou fóra da fronte patriótica, compartimos moitas das nosas análises e loitas.

 

Social Widgets powered by AB-WebLog.com.