Movemento Galego ao Socialismo

(...) un partido revolucionario que loita pola superación do capitalismo e pola liberación nacional da Galiza, pola democracia socialista e o comunismo (...)

O MGS actúa desde o ano 2009 como organización que aglutinaba militantes nacionalistas empeñados na construción dun espazo político de clase, independentista e revolucionario, nun contexto crítico para o nacionalismo, lastrado por un longo proceso de desnaturalización ideolóxica e política.

Tras un importante reforzo militante e territorial, o 26 de maio de 2012 celebrou a súa I Asemblea Nacional, onde a militancia reafirmou a liña política a prol do reforzamento do soberanismo e a esquerda e adoptou uns Estatutos que definen ao MGS como un partido revolucionario que loita pola superación do capitalismo e pola liberación nacional da Galiza, pola democracia socialista e o comunismo. Empregamos o marxismo como teoría crítica do capitalismo inseparábel dunha práctica política emancipatoria por medio da resistencia e a revolución.

Estamos convencidos de que –máis ainda neste momento histórico- é fundamental que a clase traballadora se dote de organizacións políticas propias que a defendan e representen. O MGS afirma que a forma de rematar coa opresión é por medio da implicación de todo o pobo traballador nun proceso de edificación dunha nova sociedade, coa constitución dun Estado galego, a toma do poder pola maioría social e a construción do socialismo. A acumulación de forzas soberanistas ten que darse en todos os ámbitos da sociedade, sen concesións a un camiño neoautonómico sen saída.

Desde unha perspectiva esixente e crítica, afirmamos que a estratexia máis acaída é acumular forzas na fronte patriótica que representa a expresión unitaria do nacionalismo galego pola soberanía nacional e o progreso social. A nosa presenza na fronte ten como principais sinais de identidade a defensa dunha liña política claramente soberanista e inequivocamente de esquerda e incardinada cos movementos sociais, nunha organización en que a militancia de base participa e decide.

Neste sentido, o MGS actúa como un dos colectivos integrados no Bloque Nacionalista Galego, participando de forma leal, corresponsábel e activa en todas as súas estruturas, fortalecendo o soberanismo e sinalando a estreita ligazón entre a loita polo soberanía política e a alternativa anticapitalista.

Ademais, impulsamos a autoorganización do pobo galego a todos os niveis e pulamos polo reforzamento dos movementos sociais e organizacións de masas, nomeadamente no ámbito sindical.

Organizativamente, o MGS mantén como principios fundamentais o asemblearismo, a dirección colectiva e unitaria, a disciplina militante, a crítica e a autocrítica. Aseguramos simultaneamente a democracia interna e a unidade de acción sob unha única orientación xeral, política, táctica e estratéxica. Todas as persoas militantes teñen os mesmos dereitos e deberes, entre os que consta a obriga de participar activamente das estruturas da organización e da fronte patriótica.

Pensamos que este é o momento de que todas as persoas comprometidas co nacionalismo e a esquerda dean un paso á fronte e reforzen ou inicien a súa implicación activa. O recente proceso interno do BNG saldouse co reafirmamento orgánico da visión de todos aqueles e aquelas que defenden que o nacionalismo galego é un movemento político de liberación nacional situado na esquerda. Mais o noso compromiso co nacionalismo é a única garantía de non repetir os erros do pasado recente e consolidar os acertos, avanzando nunha contraofensiva contra o capital que non cesa de empobrecernos e expoliarnos conquistas e dereitos.

Os retos que temos diante, provocados pola crise do capitalismo e polos ataques á nosa identidade nacional, non permiten máis demoras, incoherencias ou pasividade. Organizando, concienciando e mobilizando o pobo traballador galego, podemos cambiar a correlación de forzas e construír un futuro libre e novo para a nosa patria e para a nosa clase.

 

 

Principios e obxectivos (Art. 1 dos Estatutos do MGS)

1. O Movemento Galego ao Socialismo (MGS) é un partido revolucionario que loita pola superación do capitalismo e pola liberación nacional da Galiza, pola democracia socialista e o comunismo, no que toda explotación será abolida.

2. O MGS asume que o único camiño para rematar coa opresión é a participación masiva do pobo traballador no proceso independentista e de construción, defensa e consolidación da nova sociedade. Aspiramos a dinamizar e reforzar a loita popular en ligazón estreita co pobo traballador, a partir da coherencia máis estrita entre medios e principios políticos, para acadar a constitución dun Estado galego soberano e independente, a toma do poder pola maioría social, a derrogación da propiedade capitalista dos medios de produción e finalmente a abolición de todas as clases.

3. O MGS emprega o marxismo como teoría crítica do capitalismo inseparábel dunha práctica política emancipatoria por medio da resistencia e a revolución. Igualmente, inspirámonos tamén no legado teórico e práctico da loita soberanista, así como noutros procesos desenvolvidos ao longo do mundo polos movementos de liberación nacional e a clase traballadora. En particular, utilizamos as leccións positivas e negativas aprendidas dos distintos procesos de construción do socialismo e o contributo fundamental do leninismo.

4. O MGS considera complementarias e indisociábeis as súas obrigas internacionalistas e o seu compromiso nacional. Deste xeito, asociamos dialecticamente patriotismo e internacionalismo, que baseamos nos intereses comúns da clase traballadora e nos obxectivos do proletariado de todos os países na súa loita contra o capitalismo e o imperialismo.

5. O MGS aposta pola acumulación de forzas no Bloque Nacionalista Galego (BNG), fronte patriótica que representa a expresión unitaria do nacionalismo galego pola soberanía nacional e o progreso social. En paralelo, o MGS defende o principio básico da auto-organización do pobo galego e define como prioritaria a acción política consciente no ámbito dos movementos sociais e organizacións de masas, nomeadamente o sindical, no camiño do reforzamento da alternativa hexemónica do traballo fronte á orde social do capital.

6. A estrutura organizativa e operativa do noso partido axéitase á súa natureza revolucionaria. Os seus principios fundamentais son o asemblearismo, a dirección colectiva e unitaria, a disciplina militante, a crítica e a autocrítica. Estes principios aplícanse de forma consistente, integrada e creativa, asegurando á vez asunción da responsabilidade persoal e colectiva, discusión democrática e aberta a todos os niveis, e unidade de acción. A unidade política, ideolóxica e organizativa é unha condición necesaria para que o MGS acade os seus obxectivos.

.

Social Widgets powered by AB-WebLog.com.