Queremos vivir na nosa lingua propia. Na Galiza en Galego!

(...) temos que rachar co proxecto lingüicida do goberno español e demostrar que a nosa lingua, ademais de nosa, é digna, válida, útil (...)

A lingua é un dos sinais chave da nosa identidade nacional. Porén, o noso idioma propio atópase minorizado, deturpado e discriminado. Mais non só iso; hoxe en día tamén corre o risco de converterse nunha lingua minoritaria, xa que por moito que algúns queiran facernos crer que o galego cohabita co castelán nunha situación de bilingüismo cordial, o certo é que nos atopamos ante unha situación de conflito lingüístico no que as porcentaxes de emprego do galego como lingua habitual así como as do seu coñecemento descenden de forma alarmante, especialmente entre a mocidade.

Ante esta situación de desprotección, o Partido Popular, lonxe de pular pola lingua propia do noso país, continúa a atacala nun intento de convertela nun obxecto inerte de museo que recordar de forma descafeinada e demagóxica unha vez ao ano, fiel á súa ideoloxía antigalega e españolizadora.

Nos últimos anos asistimos a diferentes ataques co único obxecitvo de exterminar a nosa lingua: dende a aniquilación das galescolas, pasando polo coñecido como “decretazo” do galego no ensino para equiparalo ás linguas estranxeiras, a redución de axudas públicas fomentar diversas actividades socioculturais e políticas en galego ou mesmo a recente LOMCE, até o simple e total incumprimento da lexislación en prol da lingua galega ou os múltiples impedimentos para realizar unha manifestación en defensa do noso idioma.

Por todo isto nós, como mocidade combativa, traballamos de xeito diario e constante no noso día a día e en todos os ámbitos da nosa vida cun obxectivo claro: a normalización do galego cara á consecución do monolingüismo social na nosa lingua propia. A mocidade consciente temos que rachar co proxecto lingüicida do goberno español e demostrar que a nosa lingua, ademais de nosa, é digna, válida, útil e con ela podemos chegar a onde queiramos. Porque como dicía Castelao, “se aínda somos galegos, é por obra e gracia do idioma ”.

Na Galiza, en galego!

Social Widgets powered by AB-WebLog.com.