Con España non temos futuro, imos conquistar a independencia

"Galiza sóio merecerá respeito cando abandonemos a nosa mansedume, dispois de saber o que fomos, o deixamos de ser e o que seriamos con vida independente"

Castelao

O marco político imposto á Galiza impide que nos desenvolvamos como pobo. As decisións que máis nos afectan tómanse en Madrid ou Bruxelas. A nosa economía segue a ser dependente e a nosa lingua segue a desaparecer lentamente. Rebelámonos fronte a todo isto, porque queremos ser un país normal, un país libre nun mundo novo.

Para desenvolvérmonos como pobo libre no mundo, para dispor dos nosos recursos naturais, para defender a terra e o mar das agresións do capital, para normalizar a nosa lingua propia… é imprescindíbel un novo marco político para o noso pobo, baseado no direito de autodeterminación. Para decidir con liberdade o noso futuro como nación e poder concretar a nosa aposta estratéxica: a independencia nacional.

Dispor dun estado propio é a única ferramenta que garante a unha nación como a nosa dispor dos seus destinos. Máis de 500 anos abondan para darnos conta de que ningún futuro viábel pasa por España. Temos pois, que comezar a traballar pola República Galega.

A conquista da plena soberanía é a vía que nos permitirá dispor de mecanismos polítioas para transformar a realidade. Loitamos pola independencia para cambiar o sistema, para construir unha sociedade nova sobre valores de xustiza social, democracia real e igualdade plena.

Unha Galiza ceibe é a mellor contribución a un planeta no que as nacións se relacionen en pe de igualdade e con respecto mútuo: frente ao imperialismo e a súas estruturas de dominación (UE, OTAN…), aspiramos a un mundo xusto, solidario e en paz.

Imos conquistar a independencia

Social Widgets powered by AB-WebLog.com.