Combatemos o patriarcado, por unha Galiza feminista!

(...) loitamos por derrubar o patriarcado e conseguirmos, co feminismo como un eixo fundamental e transversal da nosa acción política, unha sociedade máis xusta e igualitaria (...)

Desde Isca! entendemos que a acción feminista, nas súas múltiples e diferentes formas, é necesariamente un dos elementos básicos da transformación social, sen o que non sería posíbel transformar o mundo para convertelo nun lugar máis xusto non que non exista ningunha forma de opresión por razón de xénero.

No actual escenario de crise do capitalismo e de constante agresión aos dereitos que as clases populares foran conquerindo, somos as mulleres, nomeadamente as máis novas, as que estamos a padecer de maneira máis grave estas agresións. Dunha banda, dereitos conseguidos tras décadas de loita feminista están a ser cuestionados ou eliminados e, doutra, os sucesivos recortes en materia laboral e social están a aumentar a precariedade da nosa situación canto aos dereitos e oportunidades laborais e persoais. Isto é así debido á estrutura social vixente, dominada polo patriarcado, que historicamente vén perpetuando as desigualdades por razón de xénero e a dominación individual e colectiva das mulleres e os nosos dereitos.

Día a día, lonxe da paz social e a igualdade ficticia que nos venden os medios de comunicación, os noso dereitos, no canto de aumentar, son progresivamente eliminados ou reducidos. Así, unha das máis recentes e graves agresións ás mulleres é a xa aprobada Reforma da Lei do aborto, convertendo o que debe ser un dereito nun delito e nun cuestionamento absoluto da capacidade de decisión da muller, que volta á minoría de idade permanente e cuxas decisións pasan a depender do criterio moral e ideolóxico do persoal sanitario. Alén diso, anteponse a vida do feto á propia saúde física e psicolóxica da muller, que deberá ser sempre peritado por un tribunal e rodeado dunha serie de obstáculos que conducen novamente á clandestinidade e á compra-venda de dereitos, pois poder decidir sobre o teu corpo será, ao fin e o cabo, un dereito en función das túas capacidades económicas.

8m2012

Aliás, diariamente enfrontámonos ás violencias simbólicas dunha sociedade onde ”todos” tem quen considerarse un termo inclusivo. Onde unha muller polo simple feito de selo, cobra menos nun posto de traballo que un home, sen esquecer que cando volve a casa ségueselle a esixir que cumpra co rol de nai, ama de casa e coidadora. Una sociedade onde se impoñen cánones de beleza imposiveis e discriminatorios, traballos menos recoñecidos socialmente destinados a mulleres e un longo etcétera de desigualdades que van desde o máis externo ao máis cotidiano das nosas vidas diarias.

Diante nosa temos un proceso de reforzo ideolóxico do patriarcado e do conservadurismo máis rancio, conducente a que as mulleres aceptemos a tutela sobre o noso corpo e as nosas vidas, condenandonos ao tradicional rol de nai-coidadora sen dereito a escoller sobre o seu destino.

Fronte a isto, desde Isca! loitamos por derrubar o patriarcado e conseguirmos, co feminismo como un eixo fundamental e transversal da nosa acción política, unha sociedade máis xusta e igualitaria. Así, traballaremos constantemente non só por esixir os dereitos roubados, senón por conseguir aqueles pendentes e por transformar de arriba a abaixo a estrutura social que nos rodea, desde a nosa vida privada a todos e cada un dos ámbitos públicos, visibilizando as desigualdades e os elementos de opresión de xénero para, entre tod@s, poñelas no punto de mira até facelas desaparecer.

A revolución será feminista ou non será!

Social Widgets powered by AB-WebLog.com.