Loitamos por un ensino galego, público e de calidade

(...) reivindicamos un modelo de ensino puramente en galego, público e de calidade, incardinado na nosa realidade (...)

O ensino é unha das ferramentas de dominación máis potentes que existen e máis para un país como o noso, sen soberanía económica e sen soberanía política. Un país dependente onde o sistema educativo actúa como un elemento de homoxenización cultural, de profunda desgaleguización, de destrución da nosa identidade como Pobo e de conversión da mocidade galega en man de obra precaria facilmente explotable polo Capital. O elitismo, o clasismo, a concepción do coñecemento como un ben mercantil e a creación de autómatas sen espírito crítico son os obxectivos que perseguen as distintas reformas impostas nos últimos anos no ensino medio e superior.

A última de todas, que está a recibir unha forte contestación por parte da práctica totalidade da comunidade educativa, a chamada LOMCE: un novo e durísimo ataque da oligarquía contra o ensino público, enmarcada nas reformas que se teñen feito nos últimos anos na liña de desmantelar un dos piares básicos de calquera sociedade. Mercantilización, segregación, discriminación lingüística e españolización son as súas palabras de orde. Non é máis que a aplicación, no ensino non universitario, das mesmas e desastrosas medidas que o Plano de Boloña vén introducindo no ensino universitario e que executará nel, de xeito definitivo, coa chamada Estratexia Universidade 2015 que ten por obxectivo rematar coa Universidade Pública tal e como a coñecemos. Todas estas reformas non son máis que a plasmación práctica do camiño marcado polo Capital.

Diciamos ao comezar que o ensino é unha das ferramentas de dominación máis potentes que existen e non por casualidade é o que utiliza o Sistema para moldear ás novas xeracións como a forza de traballo do mercado capitalista creando conciencias acríticas que non son quen de plantexarse a realidade de explotación na que viven.

Fronte a isto nós reivindicamos un modelo de ensino puramente en galego, público e de calidade, incardinado na nosa realidade galega e que aposte necesariamente polas potencialidades do noso País. Democrático e participativo, no que as estudantes fagan parte verdadeiramente na vida educativa, no goberno das escolas e universidades, na toma de decisións sobre o seu funcionamento garantindo un futuro mellor e máis xusto para as vindeiras xeracións e non só asistindo a aulas, estudando ou facendo exames. E non patriarcal, un sistema educativo baseado en valores feministas apostando pola superación do patriarcado e que avance na igualdade real de homes e mulleres.

Polo ensino que arelamos, temos que loitar!

Social Widgets powered by AB-WebLog.com.