Contra o desemprego e a precariedade, futuro digno na nosa terra!

(...) O problema é o sistema e a clase dominante, a grande burguesía, a oligarquía financeira. (...)

Reinventar el empleo” (cando nada falta por inventar), “Punto de información joven” (cando sobra formación e información) “Oportunidades de empleo” (cando non debera ser unha oportunidade, se non un dereito). Estamos rodeadas/os desta terminoloxía, especificamente creada para evitar chamarlle ás cousas polo seu nome. Porque hai cousas que teñen un nome moi feo.

Estamos a vivir nun momento dobremente dramático: a pesar de que a realidade económica que a maioría padecemos e uns poucos gozan non muda, non acaba de elevarse o cabreo colectivo nunha loita constante. O capital está logrando, polo tanto, o seu dobre propósito: seguir recortándonos dereitos sen que os/as traballadores/as conformen unha oposición que teña a suficiente forza para impedirllo. Os medios de comunicación son o altofalante de discursos que acaban calando no subconsciente colectivo e que nos impiden reaccionar: todos os políticos son iguais, os sindicatos tamén, os extremos son malos, non se poden cambiar as cousas, etc.

Cal é esa realidade económica? O nome feo das cousas

Galiza presenta, a finais do 2013, 277.800 paradas/os: 400 máis que no ano anterior (86.848 desas paradas/os teñen menos de 35 anos). Isto non significa que o resto da poboación estea traballando, de feito hai 38.600 ocupadas/os menos.

Esta descompensación nos datos é debida ó cambio de definición de “parado” por parte do Instituto Nacional de Estadística (INE) no ano 2002: desde entón diferénciase entre “parado” (persoa que busca activamente emprego e mantén contacto coas oficinas de emprego) e “inactivo” (persoa que deixou oficialmente de buscar emprego, pero non necesariamente porque o atopase). Isto quere dicir que, a pesar de que as cifras de paro son absolutamente nefastas, a realidade que agochan é aínda peor.

Xa que logo, non debe estrañarnos que as cifras do paro xuvenil en Galiza baixen (6.278 persoas menos no 2013 neses tramos de idade, con respecto ó 2012), pese á realidade que vivimos todos os días de ausencia de emprego: por cada moza/o que atopou emprego, dúas emigraron (máis de mil ó mes). Ademais aumentan os contratos temporais e precarios, e lamentablemente a nosa previsión é que esa tendencia se consolide, á vista da última reforma do PP, en decembro do 2013, en canto ó modelo de contratación laboral: pasamos de ter 42 modelos de contratación a só 4 (contrato indefinido, contrato temporal, contrato de formación e aprendizaxe e contrato de prácticas; xa non hai mentiras que poidan disfrazar esta realidade: tres dos catro tipos de contrato son abertamente lixo). Simplificar contratos significa deixar de contemplar as diferencias laborais do traballador/a e polo tanto, unha perda de dereitos.

Hai outras realidades que non analiza o INE pero que é de xustiza lembrar, como cantas mozas/os galegas/os se ven obrigadas/os a abandonar o agro, cantos/as acaban decidindo estudar calquera cousa que se imparta preto de onde residen porque os pais non poden pagar a estancia noutra vila ou cidade, ou cantas son persoas formadas que deixaron hai tempo de aspirar a desenvolverse profesionalmente no seu campo.

Pero existen posibilidades de cambio? Que facer?

Despois de todo o comentado, temos sorte: ás mozas/os organizadas/os en Isca! seguimos mantendo intacta a capacidade de soñar. E podemos imaxinar un mundo sen explotación. E sabemos que a xustiza reside en que ningún ser humano abuse de outro.

A clase traballadora en xeral, e a mocidade en particular sofre unha desafección pola política que é necesario combater. Debemos colectivizar a idea de que os partidos políticos, os sindicatos, as asociacións de veciños, etc… só son ferramentas. As ferramentas pódense xestionar ben ou mal, pero non son o problema. O problema é o sistema e a clase dominante, a grande burguesía, a oligarquía financeira. As mozas/os organizadas/os en Isca! sabemos que só coa organización precisa lograremos tombar este réxime que xa é antigo, caduco, desfasado. Debemos conformar unha alternativa que dea unha solución a estas cifras de escándalo, que desde a solidariedade e o internacionalismo supoña unha saída a esta crise que nos quere converter en escravas/os con conciencia de persoas libres.

Social Widgets powered by AB-WebLog.com.