A crise do capitalismo e a alternativa socialista e independentista

(...) cobra plena vixencia a defensa dunha perspectiva revolucionaria, a construción dun sistema socialista que o único que pode é garantir unha existencia digna ao conxunto da poboación (...)

Para unha organización como a nosa, frontalmente oposta ao sistema vixente, a actual situación económica, social e política achéganos argumentos aínda máis firmes para defender a nosa alternativa de ruptura, mais ao tempo esíxenos ter máis activas que nunca as nosas ferramentas de intervención revolucionaria.

O sistema capitalista no que medramos entrou novamente en crise froito das súas propias limitacións insalvábeis e das prácticas especulativas extremas, derivando en que non foi quen de manter o seu ritmo de crecemento e, xa que logo, de enriquecemento da súa minoría dirixente.

As consecuencias deste sistema agraváronse nos últimos anos como froito dunha crise que vai alén do económico, sendo sistémica e estrutural. Disto derívase que as súas consecuencias cheguen a todos os espazos que nos rodean, alén do financeiro, como pode ser o social, ambiental e político. Diante disto, as falsas solucións ofrecidas desde o propio poder que causou esta situación son un espellismo que pretende camuflar a realidade e impoñer falacias como a necesidade de que toda a poboación participe das cesións para esa presunta recuperación, renunciando para iso aos dereitos que tanto lles costou conquerir. Lonxe de mellorar o máis mínimo a situación, cada día vaia a peor. Non só non se revertiu a recesión, senón que o recorte progresivo dos dereitos sociais parece non ter límite e o poder non fai máis que golpear os sectores que máis estamos a sufrir os efectos da crise, as clases populares e particularmente a súa mocidade, para quen cada vez é máis complicado albiscar un futuro digno.

Así, co fin de manter ou aumentar as marxes de beneficio, o capital aproveita a debilidade estrutural das organizacións de clase e o naufraxio ou deserción de boa parte da esquerda, impoñendo así unha folla de ruta neoliberal onde servizos públicos e garantías sociais e laborais conquistadas co contributo das experiencias socialistas do século XX son albo de ataques cada vez maiores.

Para implementar este programa antipopular que enfrontará cada vez máis resposta social, os gobernos ao servizo do capital recorren a limitar cada vez máis a democracia formal na que vivimos. Así, os espazos de participación popular son cada vez máis pequenos e tamén a propia marxe do poder institucional é menor, cada vez máis secuestrado polos chamados mercados (grande capital) que é quen dita as políticas de axuste a aplicar, mediante chantaxe ou mesmo coa designación directa dos seus peóns nos gobernos. Á par diso, a disidencia política e calquera oposición organizada ao sistema e ás súas medidas de axuste son cada vez máis castigadas, perseguidas e criminalizadas.

É pois, máis necesario ca nunca a defensa de alternativas socio-económicas, tanto a curto como a medio e longo prazo. É fundamental non perdermos a perspectiva do combate no que estamos inmersos: é obvio que existen, aquí e agora, moitas medidas políticas facilmente aplicábeis, dereitos roubados que poderían ser recuperados e mesmo incrementados con vontade institucional. Porén, a súa conservación estaría sempre sometida á correlación da loita de clases (hoxe evidentemente desfavorábel), e ás limitacións dun sistema que esixe desposuír cada vez máis a máis amplas capas sociais. Por iso cobra plena vixencia a defensa dunha perspectiva revolucionaria, a construción dun sistema socialista que o único que pode é garantir unha existencia digna ao conxunto da poboación, ao estar alicerzado nuns valores e nunha lóxica solidaria e democráctica e enfocado á resolución das necesidades das persoas, algo que o capitalismo non poderá ofrecer xamais.

É por iso que vemos imprescindíbel a existencia de organizacións revolucionarias que traballen no seo do movemento popular con esta perspectiva de ruptura, de superación do sistema e que sexan capaces de ligar as loitas parciais, conectándoas e dotándoas dun horizonte estratéxico, inseríndoas nun proxecto global de transformación radical das bases socioeconómicas da sociedade.

Nunha nación sen estado como a nosa, sen posibilidade de gobernarse a si mesma, sen capacidade de planificar a súa economía e en proceso de asimilación cultural, a loita de clases adopta tamén a forma de liberación nacional. Rachar coa dominación imperialista é imprescindíbel para calquera proxecto de progreso nas nacións oprimidas. Sen soberanía, sen ferramentas políticas propias (un estado galego) para dispor plenamente dos nosos destinos a nivel institucional, económico ou cultural, non será posíbel ningunha transformación social digna de tal nome. É por iso que afirmamos que a ruptura co proxecto capitalista español, co Estado que nos oprime, é non só unha necesidade para a nosa supervivencia como pobo, senón unha urxencia se queremos transcender o capitalismo e achegarnos ao obxectivo estratéxico independentista e socialista.

En relación a isto, o Estado Español está inmerso tamén nunha crise política sobre a súa configuración, na que entra en conflito a súa vontade recentralizadora -co fin de facilitar a aplicación do plan de axustes do sistema- coa crecente vontade das nacións do estado de superación do marco autonómico, nomeadamente no caso catalán e vasco, o que fai máis necesaria que nunca a socialización do debate soberanista.

Unha soberanía que debe servirnos tamén para romper coas estruturas imperialistas como a UE, un proxecto ao servizo do grande capital europeo e que nos últimos anos mostra máis ás claras a súa verdadeira natureza, impoñendo cunha permanente chantaxe o proxecto neoliberal aos pobos de Europa.

Social Widgets powered by AB-WebLog.com.