Isca no 25 de Xullo: a mocidade independentista faise escoitar

pegata-c.pngIsca! aportou mais un ano todos os seus activos humanos e materiais para conseguir que a voz da mocidade independentista se ouvise na manifestación do 25 de Xullo en Compostela. Como parte integrante da Fronte Patriótica , do Bloque Nacionalista Galego, demonstramos neste Día da Patria a pertinencia das vindicacións históricas do nacionalismo no referente á nosa situación de dependencia colonial e da necesidade de encetar un proceso de autodeterminación co horizonte estratéxico dunha Galiza soberana.

25-julho-08-1.JPGNeste Día Nacional, no cual se conmemoraba o 20º aniversario da fundación de Galiza Nova, afortalamos notábelmente a nosa presenza , multiplicando os esforzos por transmitir á mocidade os princípios nos que se basea a loita pola emancipación nacional e o socialismo. Así pois, participamos na comitiva moza mais nutrida que se lembra nos últimos anos, vindicando unha mocidade activa a prol da independencia e lembrando, tal e como refería a nosa faixa principal, que “con España non temos futuro”. A palabra de orde foi contaxiada de forma entusiasta ao resto dos participantes da manifestación do BNG, e mesmo nunha Quintana ateigada polos miles de nacionalistas que este 25 foran demostrar o seu compromiso con Galiza se puido ouvir con forza o berro de “Independencia”, facto que reseñaron os meios de comunicación, así como a notábel presenza de bandeiras vermellas coa fouce e o martelo, símbolo da loita polo socialismo. Tamén participamos con notábel éxito no Festigal, onde mostramos a edición do caderno sobre Xohán Xesús González, precursor da confluencia entre o nacionalismo arredista e o socialismo, así como o resto do noso material, bandeiras e camisolas.

25-julho-08-6.JPGDurante o percorrido da manifestación da Fronte, visibilizáronse dúcias de cartaces asinados pola nosa organización, con lendas tales como “Construíndo Poder Popular”, “Na Galiza en Galego”, “Construír a independencia” ou “Todas libres nunha terra liberada”. Contribuimos co noso esfozo a dar o salto que o nacionalismo galego precisa, vindicando unha Fronte que poida comunicar sen complexos nen ataduras o proxecto histórico de emancipación nacional e expresando de maneira crítica, xunto co Movemento Pola Base, a nosa percepción a cerca das cesións ideolóxicas dos sectores institucionais.

25-julho-08-15.JPGÉ necesário o retorno ás vindicacións nacionalistas, a clarificación ideolóxica, apresentármonos como o que somos perante o pobo galego sen ambigüidades nen exclusións. Só así conseguiremos que o nacionalismo galego volte ao vieiro do que nunca se debera ter apartado. É pois que neste 25 de Xullo queremos recordar e expresar á mocidade galega os princípios fundacionais do BNG, afirmando a súa actual vixencia:

Galiza é unha Nación
E polo tanto ten direito á autodeterminación política que, de ser real, ten que concretarse nunha alternativa de Soberanía Nacional, marco imprescindibel para exercer o control popular de todos os recursos da sociedade galega.O povo galego, consecuentemente, ten direito a exercer o poder constituinte que desemboque no pleno exercício da Soberanía Nacional.

Galiza e o colonialismo
Partindo do feito de que Galiza está sometida a unhas relacións de dependéncia colonial, a actividade política encamiña-se a cortar esa dependéncia.

O obxectivo de ISCA! é anovar a praxe que a día de hoxe confunde a parte da militancia nacionalista e fai mesmo dubidar da capacidade transformadora do proxecto político nacional, conseguindo que parte da mocidade caia no desánimo e na inactividade. Voltamos ilusionar, voltamos mobilizar às mozas e mozos galegos, voltamos propagar a idea de que con España non temos futuro. Só con esta enerxía se lograrán os nosos obxectivos, que pasan por unha Galiza Nova orgullosa de sí própria, da súa orixe política: esa é a mellor homenaxe que podemos facerlle  no seu 20º aniversario.

25-julho-08-25.JPGTraballamos por crear, por aportar, por sumar, por renovarnos constantemente e loitar contra os novos desafíos que se nos plantexan, nunca pola exclusión nen pola negación do traballo dos compañeiros e compañeiras. Aguardamos , pois, que os sectores institucionalistas escoiten a voz atronadora dunha mocidade nacionalista que, neste 25 de Xullo berrou con nova forza e impulso a prol da Independencia Nacional e vindicou un cambio de rumbo que permita chegar ao noso horizonte estratéxico, que é, sempre foi e sempre será a Independencia Nacional e consecución dunha Galiza popular.

O noso proxecto político renovador precisa da túa implicación. É pois que te convidamos a unirte ao proxecto de ISCA!, para nós o mais consecuente coa tradición histórica da mocidade nacionalista en Galiza, o único que pode anovar as ilusións das mozas e mozos. Para o ano vindeiro aguardamos verte na nosa comitiva e contribuindo de novo a atronar a praza da Quintana e as rúas de Compostela co berro liberador e democrático da Independencia.

Organízate e loita con nós!

Actualizado o 15/08: Visita o vídeo da mobilización do 25 de Xullo

Visita a galería completa de imaxes da nosa participación no 25 de Xullo.

Le e descarga o caderno de Xohán Xesús González.

Le e descarga o Rebater deste 25 de Xullo.

0807diadapatria.jpgPola súa parte, o MPB (Movemento Pola Base) tamén participou cunha importante comitiva no 25 de Xullo, portando 2 faixas pola independencia e o socialismo. Podes ler na súa páxina web a crónica da mobilización. 

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario