Isca celebrou a súa III Asemblea Nacional

 3an1.jpgO pasado sábado 27 tivo lugar a III Asemblea Nacional de Isca en Compostela. Baixo o lema “Medrar para construír, construír para liberar” a militancia da nosa organización analizou o período interasemblear anterior e definiu a liña política a seguir en adiante. Ao longo do día debatéronse tres teses arredor do noso modelo organizativo, do noso traballo para volver facer de Galiza Nova unha ferramenta axeitada para a liberación nacional e  a construción do socialismo e da nosa actuación no eido estudantil de cara a contribuírmos ao desenvolvemento dun movemento eficaz que pule por un ensino público e galego desde as coordenadas do nacionalismo e a esquerda transformadora. Tras o debate e votación das tres teses procedeuse á escolla da nova Mesa Nacional da organización (a falta da incorporación dos representantes das zonas).

3an3.jpgPosteriormente tivo lugar o acto de peche desta III Asemblea Nacional contando coa presenza dun abano plural de organizacións do movemento nacionalista e o activismo lingüístico, sindical e estudantil galego: Galiza Nova, Movemento Galego ao Socialismo, Comités, A Mesa, SLG, AGAL, MSG, CIG, AMI e Adiante, recibindo ademais un saúdo ante a imposibilidade de asistiren dos mozos do EI. No peche proxectouse un vídeo resumo destes catro anos de andaina no que se lembraron as diversas mobilizacións nas que Isca ten tomado parte, o decidido activismo a pé de rúa da organización (acción das vacas na manifestación do colectivo ultra Galicia Bilingüe) e o noso comprometido traballo no seo das mocidades da Fronte Patriótica. Ademais durante o acto interviñeron con cadanseu discurso Rafa Vilar polo Movemento Galego ao Socialismo e a compañeira e responsábel de organización saínte Ximena González. Entre as diversas resolucións da nosa Asemblea destacamos o apoio á Revolución Cubana que vive máis un ataque propagandístico do imperialismo contra o modelo de sociedade libre e igualitaria que alí se constrúe. Após o peche, os militantes e simpatizantes de Isca compartiron unha cea na que se procedeu ao reparto de carnés entre os membros da organización.

3an2.jpgDesde Isca valorizamos moi positivamente os debates e a implicación da militancia que se deron nesta III Asemblea Nacional, destacando o clima de fraternidade, compañeirismo e a ilusión que esperta a evidencia de que non só hai espazo para unha organización independentista e revolucionaria en Galiza Nova e no movemento xuvenil galego, senon que ese espazo non deixa de medrar día a día grazas ao noso traballo construtivo, vontade de integración e enteiro compromiso para con dúas causas: a Independencia Nacional e a construción do Socialismo no noso país. Para iso seguiremos medrando e construíndo.

(Proximamente, disponibilizaremos un video do acto de clausura.)

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario