Isca! asina declaración de apoio ao proceso Bolivariano

chavezVenezuelaA nosa organización asinou unha declaración de apoio á Venezuela Bolivariana con outras organizacións como o noso partido o Movemento Galego ao Socialismo, Mar de Lumes, a CIG ou o BNG. Reproducimos a continuación o comunicado:

As organizacións de solidariedade co proceso bolivariano manifestamos o noso total respaldo ao pobo venezolano e ao seu lexítimo Goberno, encabezado polo presidente Nicolás Maduro, que resisten con exemplar tesón unha arremetida sen precedentes de agresións por parte da dereita internacional, empeñada en balde en acabar co proxecto emancipador legado por Hugo Chávez.

A manobra inxerencista do secretario xeral da Organización de Estados Americanos (OEA), Luis Almagro, ao servizo dos poderes imperiais, ao invocar a aplicación da “Carta Democrática” da OEA para Venezuela, puxo en clara evidencia a súa connivencia coa dereita reaccionaria e oligárquica transnacional, representada en Venezuela pola MUD, maioritaria na Asemblea Nacional, co único obxectivo de derrocar o Goberno bolivariano.

Con todo, o feito de que a maioría dos países da rexión se opuxese á proposta de Almagro de cercar a Venezuela a través do parapeto da OEA, e apelase á vía do diálogo, pon en evidencia que a resistencia chavista en toda América Latina está máis viva que nunca e que responderá sen ambaxes calquera novo intento de agresión, veña de onde veña.

Non esquezamos que a OEA sempre exerceu o papel de “ministerio para Latinoamérica” dos distintos gobernos ianquis, o “ministerio para o patio traseiro”, e que estivo profundamente relacionada co “Comando Sur” e todos os seus tentáculos (CIA, DEA, NED, etc.). Non esquezamos tampouco que Cuba foi expulsada desta organización en 1962, por orde expresa de EE UU, aducindo que a illa abrazara o camiño do socialismo.

Somos conscientes de que as corporacións oligopólicas que administra o neoliberalismo e os seus esbirros de quenda establecidos en EE UU e en Europa, seguirán no seu irresponsable e criminal empeño de xerar e aumentar a presión interna en Venezuela (coa guerra económica, a mediática, a psicolóxica, a violencia paramilitar, etc.), e promover unha intervención pola forza no país. Trátase de toda unha estrutura inxerencista na rexión, que, a través de diversas modalidades, derrocou aos gobernos de Paraguai e Honduras, e máis recentemente impuxo tamén á dereita en Brasil e en Arxentina, dispostos agora todos eles a acabar co chavismo. Non o conseguirán.

Facemos un chamamento a todo o movemento de solidariedade coa Venezuela bolivariana a responder a esta nova agresión. Unidos na loita podemos torcer os plans do imperialismo.

CHÁVEZ VIVE, A LOITA SEGUE.

.

>> Fonte no consulado venezolado en Vigo.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario