Grenlandia, cara a independencia

 

grenlandia.jpg

A formación política Inuit Ataqatigiit (Comunidade Inuit, IA), independentistas de esquerdas, obtivo unha histórica victoria nas eleccións lexislativas na Grenlandia, nas que derrotou con clareza aos social-demócratas do Siumut (Adiante), que foran ata o de agora os únicos gobernantes da autonomía outorgada por Dinamarca. IA obtivo o 43,7% do voto, con 12.457 sufraxios que duplicaban os anteriores resultados de 2005, mentres o Siumut ficou nun 26,5% ao obter 7,567 votos. Os neoliberais obtiveron unha derrota aínda máis rotunda.

A Grenlandia, a illa máis grande do mundo, é unha nación ártica cuns 57.000 habitantes, máis próxima de Canadá que de Europa, pero ligada a este continente por motivos históricos, e marcada por unhas condicións climatolóxicas extremas, segundo os parámetros aos que nós estamos acostumados. Anteriormente ocupada por Noruega, foi colonizada polos daneses desde 1721, e recoñecida como “provincia de Dinamarca” desde 1953. Curiosamente, a súa autonomía comeza arredor dos mesmos anos que a galega (en 1979). Podemos utilizar esta circunstancia para comparar o percorrido desta exigua fórmula de descentralización administrativa, así como a distinta actitude dos Estados sobre o dereito dos pobos a decidir o seu futuro, sempre desde o recoñecemento das evidentes e grandes diferencias entre cada caso.

Grenlandia contou durante as tres últimas décadas cunha autonomía constituida por un Parlamento e un goberno que xestionaba competencias en materias como a educación, a sanidade e os servizos sociais. En 1985, votaron (e aprobaron) o abandono da Unión Europea na defensa dos seus intereses, polo que desde entón permanecen nunha posición estraña, gobernados por Dinamarca, pero non suxeitos á lexislación comunitaria, que si se aplica no país escandinavo.

O limitado autogoberno consensuado entre o Siumut e Copenhague non coutou as arelas populares de liberdade e de transformación social, e a comezos deste milenio, medrou o debate social sobre as distintas posibilidades para o futuro do país, entre as que se contemplaban desde a independencia ata a completa integración en Dinamarca, sen esquecer outras fórmulas como a “libre asociación”, a federación ou simplesmente un aumento do autogoberno.

Ata aquí nada pode sorprendernos. O mesmo período de tempo deparou no Estado Español propostas semellantes, periodicamente defendidas por movementos nacionalistas ou federalistas de distintas nacións para resolver unha cuestión nacional sempre presente, pero na que non se avanzou.

Porén, a principal diferencia foi a actitude dos Estados: o goberno danés non só non prohibiu explicitamente a materialización de diversas opcións, ou mesmo a realización de consultas populares, senón que o parlamento estatal comprometouse a aceptar o resultado dun reférendum non-vinculante legalmente que recoñece o dereito de autodeterminación dos habitantes da illa á vez que aumenta o autogoberno.

A idea de que o goberno de Madrid xurara acatar o resultado dun referéndum nunha das nacións do Estado parece hoxe quimérica, especialmente cando o executivo español conta xa cunha ducia de organizacións ilegalizadas na súa bagaxe, unha consulta prohibida e un Estatuto recurtado, ademais dunha permanente vixilancia e control dos movementos soberanistas. Mais as competencias cedidas por Dinamarca tamén farían palidecer aos poderes fácticos do Estado: novas regras máis vantaxosas sobre o control de recursos petrolíferos, administración de recursos minerais, gas, uranio, diamantes e chumbo, control sobre a xustiza e a garda costeira. Aínda máis significativamente, o islandés convertirase no único idioma oficial no territorio, substituíndo á lingua foránea no marco legal, sen que ningunha organización defenda a súa eliminación do sistema educativo como un avanzo en dereitos.

O referendum, celebrado o pasado 25 de novembro, foi aprobado por un 75% dos votantes, cunha participación do 72%. Entrará en vigor a partir do 21 de xuño (no trixésimo aniversario da autonomía), o que propiciou o adianto das eleccións antes de entrar na “nova era”, de xeito que será xestionado polos independentistas, que terán que amosar a viabilidade económica da illa a partir dos seus propios recursos.

O peculiar caso grenlandés atraeu a atención de toda a prensa internacional, con un máis que evidente silenciamento no caso da española, o que non pode sorprender nun universo consensual no que o “normal” é negar o dereito de autodeterminación, exterminar linguas nacionais, recortar liberdades democráticas e expoliar os recursos dos pobos a beneficio duns poucos, mentres que o “anacrónico” é o nacionalismo e a esquerda.

Non dubidamos que os grenlandeses terán que trazar o seu propio camiño e que atoparán numerosos atrancos por diante, tanto no plano nacional como no económico e social. Non obstante, o seu exemplo serve para poñer de manifesto os propios límites cos que contamos nun Estado que tantas veces foi interesadamente definido, entre a mentira e a ignorancia, como “o máis descentralizado do mundo”. Desgrazadamente, a resolución democrática do futuro das nacións é neste planeta a excepción que confirma a regra que tan fielmente cumpre España: a dominación política e económica dos pobos, a imposición da amnesia histórica e a criminalización do disidente.

Pola nosa parte, solidarizámonos coa causa do pobo grenlandés, como coa de todas as nacións do mundo, e agardamos poder celebrar a súa plena independencia nos próximos anos. Aínda que é dificil precisar cando se chegará á constitución dun novo Estado, as e os independentistas apontan xa a data do 2021, que marcaría o 300 º aniversario da colonización danesa. Tarde ou cedo, o día chegará se o pobo resiste, como tamén sabemos as e os activistas que loitamos por un futuro de liberdade para a Galiza.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario