Galiza berra contra o xenocidio sionista [con VIDEO]

[MEDIA=8]

Non é unha guerra, é un xenocidio. Máis de 15.000 persoas manifestáronse hoxe en Compostela, nunha das marchas máis multitudinarias dos últimos tempos, convocada polo plural tecido asociativo galego para manifestar a repulsa deste pobo á criminal ofensiva do Estado israelí na franxa de Gaza, sob o lema “Galiza con Palestina, Non ao Masacre”, e precisamente no momento no que se anunciaba unha pausa no ataque militar.

manipalestina0.jpg

A marcha partía da Alameda encabezada por palestinos, que portaban a faixa principal. A continuación, seguían as pancartas e lemas de cincuenta organizacións sociais, formacións políticas, sindicatos, asociacións xuvenís, veciñais ou culturais. Milleiros de persoas portaban as cores da liberdade e dos pobos do mundo, ataviadas con numerosas keffiyas, bandeiras palestinas, galegas ou comunistas esparexidas ao longo das rúas; mozos e mozas repartían información e análises, posicionamentos contundentes ou informes de urxencia; activistas contrainformativos tomaban notas, tiraban fotografías ou grababan as imaxes da nova mostra de dignidade do pobo galego; feministas lembraban con cartazes a situación das mulleres palestinas e reclamaban o fin inmediato da agresión e unha paz xusta; nenos preguntaban aos seus pais pola razón que congregaba a tanta xente e tantos berros; e militantes solidarios recollían donativos para a poboación que sofre na Franxa de Gaza.

manipalestina13.jpg

A expresión de solidariedade internacionalista transcurriu entre diversas palabras de orde, como “Palestina existe, Palestina resiste”, “Os terroristas son os sionistas”, “Galiza, Palestina, a loita continúa”, “Palestina vencerá” ou “Todas somos Palestina”, entre outros cánticos en árabe do colectivo palestino. Durante o percorrido, centos de participantes portaban cartulinas coa bandeira palestina, co lema “todos somos Gaza”, e mesmo israelís, nas que a estrela utilizada polo sionismo era substituida pola esvástica dos nazis, para denunciar un Estado caracterizado polo apartheid institucionalizado,a limpeza étnica, a tortura, as leis raciais e o xenocidio planificado.

 manipalestina5.jpg

Ademais, a mobilización non esqueceu repartir outras responsabilidades, con expresións como “Estado Español, cómplice da ocupación”, en referencia ao apoio diplomático, relacións comerciais preferentes e cínica venda de armamentos ao Estado de Israel; tamén se esixiu o boicote comercial a Israel, táctica de oposición que crece en popularidade ao longo do mundo e tamén no noso país.

Tras un percorrido que levou aos manifestantes polas rúas Senra, Praza de Galiza, Preguntoiro, Toural, Rúa do Vilar e Praterías, os manifestantes concentráronse na Praza da Quintana, onde unha simple olladela permitía constatar o alto grao de seguimento da mobilización, e a conscienciación de boa parte da sociedade galega, a pesar da manipulación maioritariamente pro-israelí ou equidistante no mellor dos casos da maioría dos medios de comunicación empresariais.

manipalestina6.jpg

O manifesto, lido por unha actriz e unha cooperante galega-palestina, lembrou que estamos ante unha “agresión militar por parte dun estado imperialista armado e financiado por Norteamérica e Europa, que conta cun poderosísimo exercito e ataca por terra, mar e aire a un pobo sen outra defensa que o heroísmo e sacrificio dos seus mal armados milicianos, e que nin sequera ten a posibilidade de fuxir”, recoñecía o dereito dos palestinos a dotarse dun Estado propio e de escoller a súa propia representación -incluido Hamás-, reclamaba a persecución xurídica dos responsables da matanza e esixía o boicote comercial e diplomático a Israel, ademais de reclamar que “se declaren á embaixada e o Goberno Israelí non gratos en todo o territorio galego no seu conxunto, e concello por concello”, momento no que foi particularmente aplaudido.

 

Isca

A mocidade independentista e de esquerda anticapitalista agrupada en Isca! tamén estivo presente nunha das máis dignas iniciativas do pobo galego. A nosa organización participou con comitiva propia na mobilización, sob o lema “Contra o xenocidio sionista. Palestina Vencerá”.

 manipalestina4.jpg

Isca! non só manifestou a súa solidariedade internacionalista co pobo palestino, senón tamén o seu recoñecemento pola heroica resistencia desenvolvida ao longo de máis de medio século, lembrando nunha segunda faixa de paos que “só vencen os pobos que loitan”, e expresou nun Rebater masivamente repartido a súa convicción de que é posíbel tumbar ao Estado de Israel ao igual que caeu o rexime de apartheid en Sudáfrica. Tamén se repartiron centos de colantes e, ademais, diversas pancartas e cartaces distribuídos no espazo público ao longo do percorrido amplificaron a nosa mensaxe internacionalista, solidaria e anti-imperialista.

 manipalestina7.jpg

Ao longo da marcha conformamos un bloque especialmente crítico coa complicidade do Estado Español e co carácter racista do sionismo, orgullosos de compartir as rúas cun pobo de novo mobilizado contra o imperialismo e as súas prácticas máis descarnadas. A loita continúa!

colantepalestina.png

manipalestina1.jpg

manipalestina21.jpg

manipalestina8.jpg

 manipalestina10.jpg

manipalestina91.jpg

manipalestina11.jpg

manipalestina12.jpg

 

 

 

 

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario