[Opinión] Fortalecer o BNG desde o soberanismo e a esquerda

O modelo frontista do BNG foi e segue a ser a ferramenta de liberación nacional máis poderosa que nunca tivo o noso país. Por iso non se entende o goteo de baixas calculadas de persoas que até hai ben pouco eran militantes da frente política.

É certo que unha boa parte da base militante e votante levávamos anos vendo con preocupación unha deriva que desde a dirección do BNG facía bascular a meirande actividade do BNG cara as institucións deixando de lado o necesario traballo social. Esta liña, que se veu mantendo na última década, de terse consolidado tería provocado un peche da organización en si mesma e un divorcio traumático coa base social nacionalista mais consciente e activa. Naqueles momentos internamente complicados, a pesar de contar cun grande poder institucional, fomos moitos e moitas as que estivemos traballando pola recuperación dos valores históricos que sustentaron o medre organizativo do BNG.

Esa necesaria viraxe que moita militancia reclamaba comezou a andar timidamente após a Asemblea Nacional Extraordinaria de 2009. É evidente que o camiño para a recuperación da credibilidade perdida por anos de actuacións erráticas non é doado nin pode resolverse dun día para outro, e este proceso tivo a oportunidade de fortalecerse na pasada Asemblea Nacional do BNG, celebrada en xaneiro. Lamentabelmente, saímos dunha Asemblea que de cara ao exterior foi protagonizada por quen xa decidira antes de xaneiro emprender o seu camiño fóra das siglas da fronte empregando os medios de comunicación para danar ao BNG. Porén, as e os verdadeiros protagonistas fomos a militancia do BNG, que contribuímos democraticamente ao confronto de ideas e que decidimos, tanto no plano político-ideolóxico coma na esfera organizativa, que organización queremos.

O certo é que da Asemblea Nacional de Amio saiu un BNG mais de esquerdas e que abandona a vía da reforma estatutaria para o avance cara a soberanía nacional. Do mesmo xeito a acción social frente ao excesivo sesgo institucional marcarán o futuro segundo o acordado. O papel da militancia volve a ser central. E esa liña é a que combateron os que hoxe abandonaron, empregando o de “abrirse á sociedade” para esconder o que non son mais que renuncias ideolóxicas. Falamos con propiedade da primeira saida do BNG pola dereita na súa historia.

Pola contra e como proba da viraxe positiva do BNG, mentres o descrédito e a difamación protagonizaron a axenda mediática, o Bloque comezou a traballar poñendo en marcha os acordos adoptados. Levouse a cabo unha forte campaña propia contra a reforma laboral, levando o debate e a socialización de alternativas alén do eido institucional, acompañada da denuncia contra a privatización do ensino e da sanidade. Así mesmo, fixo parte de iniciativas en defensa dos medios públicos galegos e participou a pé de rúa doutras mobilizacións sociais e sectoriais, desde o exercicio de dignidade operaria que supuxo a Folga Xeral do 29 de marzo até as mobilizacións contra a incineración ou contra a xestión da Xunta na catástrofe das Fragas do Eume. Contra a infamia de quen proclamaba publicamente que o proxecto do BNG estaba esgotado, demostrouse na práctica que a organización está viva e activa, implicada nas problemáticas reais do país e comprometida coas demandas populares.

Somos moitas e moitos as que vivimos con optimismo as mudanzas existentes na liña política. Quen rexeitamos a conversión do BNG nunha forza sistémica coa forma dun galeguismo edulcorado, vemos con bos ollos estes avanzos e queremos contribuír ao reforzamento do BNG como unha ferramenta política que se amose como verdadeiramente útil para traballar a prol doutro modelo económico e social e para superar o actual marco político e acadar a soberanía nacional.

Queda moito por facer. Pasos adiante coma seguir a organizar o BNG, tamén nas comarcas que fican fóra da fronteira autonómica, a revisión dos pactos electorais co PSOE, a recuperación do contido político para as asembleas comarcais e locais ou a recondución das relacións internacionais cara a organizacións da esquerda soberanista, revelan un BNG clarificado e decidido que cómpre fortalecer como alternativa política.

Por isto, é hora de facer un chamamento á militancia do BNG e a soberanistas que non fan parte da fronte, a participar nesta tarefa: construír un espazo político desde o soberanismo e a esquerda e fortalecermos estas liñas de traballo no seo do BNG. Este representa o principal obxectivo da Iª Asemblea Nacional do MGS, concluíndo así o importante labor de reforzamento organizativo e territorial que vimos levando a cabo nos últimos meses.

 Noa Presas é militante de Isca e membro do Consello Nacional do BNG.

 

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario