Isca!

En destaque

[Folga estudantil] 3+2 e LOMCE, fóra xa!

ensino16fMobilizadas, en pé polos nosos dereitos, polo noso futuro. Así debe ser. Un novo día para respostar colectivamente ás agresións, para dar continuidade á batalla contra a LOMCE e as súas consecuencias; contra os recortes que vén padecendo o ensino público desde hai anos; contra un modelo elitizador do ensino superior como é o 3+2. Porque consideramos inaceptábel unhas políticas que perseguen maior privatización, españolización, elitismo e, en definitiva, impoñer os ditames do capital no ensino público. Porque rexeitar a LOMCE é apoiar unha lei galega de Educación, que resposte ás nosas necesidades como clase e como pobo. Porque rexeitar no ámbito universitario a aplicación do decreto 3+2 é negarse a aceptar que unha gran parte da mocidade deixe de poder acceder a un grao universitario. É defender os nosos dereitos colectivos!

Desde Isca! apoiamos a folga estudantil que o xoves 16 de febreiro está convocada na Galiza para rexeitar estas medidas. E facémolo como o fixemos sempre. Acompañando ao movemento estudantil, participando del, apoiando as súas convocatorias e os seus tempos. Golpeando xuntas, organizando centro de ensino a centro de ensino, facultade a facultade un movemento estudantil autoorganizado e profundamente transformador.

A convocatoria do día 16 non é máis que un paso no longo camiño pola transformación radical da sociedade e a edificación dun mundo novo, onde un ensino de noso, democrático e de calidade estea garantido e non sexa unha fonte máis de lucro dos monopolios. Rachar coa LOMCE, o 3+2 e todas as medidas lesivas que se veñen implementando nos últimos anos (e nas últimas décadas) encamiñadas a desmantelar o actual modelo para maior gloria do capital, é unha tarefa inmediata e urxente. Nós comprometémonos a poñer o noso grao de aréa en conseguilo.

Adiante!

Mobilizacións convocadas por Erguer ás 12 horas:

  • A Coruña Praza de Vigo.
  • Ferrol Diante do Edificio da Xunta.
  • Compostela Alameda.
  • Melide Diante do IES de Melide.
  • Ribeira Diante do IES nº1.
  • Pontevedra Praza da Peregrina.
  • Vigo Praza América.
  • Ourense Diante da Subdelegación do Goberno.
  • Lugo Praza do Seminario.
  • Tamén haberá concentracións en Boiro, Vilagarcia, Caldas, Moaña, Cangas, O Barco e Ponteareas.

Difunde!