Entrevista a Raquel Vázquez, presidenta do Comité en Unísono

raquelTelemárketinEntrevistamos a Raquel Vázquez, militante do Movemento Galego ao Socialismo, traballadora e Presidenta do Comité en Unísono, logo da xornada de folga e mobilizacións convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) no sector dos centros de chamadas.

Boas Raquel. Despois das concentracións e paros convocados no pasado, a pasada semana a CIG convocou unha xornada de folga en Vigo, A Coruña e Ourense. Cal é a situación do sector dos centros de chamadas?

A situación é produto da situación de hexemonía do Capital que vivimos na actualidade, fronte á debilidade da loita obreira e é similar ao que acontece noutros sectores. Se facemos memoria, no noso, desde a súa creación nos anos 90 tivo un crecemento económico brutal. Se no ano 2000, as principais empresas do sector facturaban 875 millóns de euros, no 2014 facturaron 2.215 millóns. E mentres isto acontece, as traballadoras/es padecemos unhas condicións laborais abusivas que se traducen en salarios moi baixos (850 euros de media), dificultade para conciliar a vida persoal e laboral, inestabilidade no emprego, presións continuas no traballo, etc.

Ademais, o sector dos Centros de Chamadas está moi denostado socialmente porque no imaxinario colectivo se vincula á televenda. Alén diso, as traballadoras do sector, realizamos moitas outras campañas de atención ao cliente para empresas coñecidas por todas (ING, Orange, Vodafone, Renault, Gas Natural, etc), ofrecendo un servizo de calidade e profesional. Un exemplo concreto é o servizo que temos en Unísono de ING, no que arredor de 350 compañeiros/as fan o traballo de bancarios/as. Dubido moito que os clientes que chaman sexan conscientes que a persoa que está ó outro lado do teléfono poida ter asinado un contrato de formación, cobrando arredor de 500 euros ó mes. É indignante.

O convenio colectivo estatal de Contact Center venceu a finais de 2014 e a negociación está bloqueada. A qué se debe isto?

Na miña opinión, débese a dous factores. O primeiro é que as empresas xogan cunha baza importante, tras a reforma laboral do PP do ano 2012: o cese da ultraactividade. Isto significa que, unha vez que venza o convenio, xa non se prorroga indefinidamente ata que se pacte outro, se non que “caduca” ao cabo dos dous anos.

Ademais, en toda negociación entra en xogo o desgaste. As empresas non teñen interese ningún por pactar melloras. Canto máis prolonguen a negociación no tempo, máis facilidades terán para extenuar ao seu cadro de persoal. As folgas no sector son complicadas porque supoñen esforzos económicos moi importantes, dado o noso baixo salario.

O segundo factor, e quizais máis importante, é que o Convenio é estatal e a composición da mesa de negociación xoga na nosa contra: 6 son de CCOO, 4 de UGT, 2 de CGT, 1 da CIG, 1 de ELA, e 1 de LAB. Cómpre ter en conta que, a pesar de ser a CIG a primeira forza na Galiza, CCOO e UGT son os maioritarios a nivel Estatal e non demostraron ningún interese por defender aos/ás que din representar. Se a Patronal non se move, os sindicatos temos a obriga de empurrala e iso só o logramos concienciando aos compañeiros/as e paralizando o sector. Ata o de agora, o que nos di a experiencia, é que CCOO e UGT só se mobilizan cando a sinatura do Convenio está próxima: teatralizan dese xeito o seu pacto coa patronal e venden unha vez e outra ós/ás traballadores/as do sector.

Cómo enfrentan as traballadoras e traballadores esta situación de bloqueo das negociacións?

Creo que a conciencia dos traballadores/as dos Centros de Chamadas está mudando, canto menos na Galiza. Sen dúbida iso débese á existencia da CIG, que ten delegados/as nas empresas dispostos/as a todo por salvagardar postos de traballo de calidade.

En Unísono observo como esta mudanza vén determinada, por un lado pola composición do cadro de persoal e, por outro lado, porque o sector en si mesmo, está madurando. O sector definiuse tradicionalmente como inestable, mozo e feminizado. Se ben é certo que esas características nos seguen acompañando, non é menos verdade que existe unha porcentaxe (que en Unísono Vigo é de arredor do 50%) de traballadores/as indefinidos/as, que entramos na empresa pensando que sería algo temporal pero que levamos, nalgúns casos, 10 anos. 10 anos é unha porción de tempo moi importante que dá para enfrontarse a numerosas experiencias, algunhas delas moi traumáticas. En Vigo temos sufrido dous ERES, unha mobilidade xeográfica, dúas modificacións substanciais, moitísimos despidos improcedentes, etc. Estas medidas supuxeron, sen dúbida, un medre da conciencia das persoas que hoxe seguen na empresa que viron que desde a loita, desde a unidade e desde a solidariedade se poden lograr grandes victorias. Por exemplo, logramos transformar un ERE extintivo para 151 compañeiros/as nun temporal que non se chegou a aplicar.

Non obstante o papel que estamos a cumprir na actualidade é defensivo, e tendo en conta as condicións económicas do sector deberiamos pasar ao plano ofensivo. Esas cuestións que na CIG as temos moi claras, non son compartidas polos sindicatos estatais, que parecen conformarse coas migallas da patronal. Considero que as traballadoras/es do sector están indignadas coa falta de unidade sindical, pero como é evidente, tamén coas propostas da patronal. Creo, sinceramente, que existen condicións para lograrmos un convenio xusto pero mentres estemos obrigadas a negocialo a nivel estatal, sempre estaremos supeditadas á vontade do amarelismo, máis preocupado por teren os seus liberados de Convenio que en conquerir unhas condicións realmente xustas para as traballadoras/es.

Unha das consignas coreadas estes días era “convenios aquí e non en Madrid”. Que suporía negociar o convenio no noso país?

Penso que é evidente. Como xa comentei, a CIG é o sindicato maioritario na Galiza e temos vivido numeroras afrentas nas que demostramos estar á altura das circunstancias. Proba recente disto é a manifestación que logramos levar adiante o pasado 5 de abril en Vigo. Contra todo prognóstico, e pese a que as restantes seccións sindicais de UNÍSONO Vigo traballaron duramente en desmobilizar ao persoal, saímos exitosas e reforzadas. Non pode ser que quen determine as nosas condicións laborais sexan sindicatos que están podres desde abaixo ata arriba. Mentres a CIG estaba defendendo os dereitos de todas as traballadoras/es, visibilizando un conflito que precisa apoio, os delegados sindicais das outras centrais estaban sentados collendo chamadas. É imperdonable.

Aproximadamente uns 8000 traballadores e traballadoras integran o telemárketing no noso país -maioritariamente mozas e mozos-. Cal é o tipo de contrato habitual?

O habitual é ter un contrato a xornada parcial, e cantos menos dereitos teña, mellor. Existe moita contratación por obra e servizo, pero hai empresas que abusan das ETTS e dos contratos eventuais. Tamén hai ensaios cos contratos de formación. Desde o meu punto de vista, as empresas cometen un fraude autorizado cando formalizan contratos por ETT, eventuais ou de formación. O noso sector, como xa avancei antes, está madurando e as relacións que establecen as empresas cos clientes para os que prestan servizo son cada vez máis estables. Outra cousa é que xoguen coa deslocalización (xa non só a países de Latinoamérica, se non a outras partes do Estado).

Con todo, e canto menos en Unísono, precisamente por esa estabilidade das relacións entre empresas e clientes, temos unha porcentaxe de contratación indefinida lixeiramente superior á que dicta o Convenio, ademais de contratos de obra que gozan de certa estabilidade. Evidentemente é unha situación incómoda para a empresa: saben que os traballadores/as adquiren maiores dereitos a medida que gañan antigüidade e por iso teñen intentado desfacerse do colectivo con contrato indefinido aplicando medidas tan rastreiras como a que sufrimos no ano 2013: unha mobilidade xeográfica a 97 compañeiras nun sector que se desenvolve a distancia. Grazas ao noso traballo, logramos paralizar esa medida e hoxe todas aquelas persoas están traballando con nós.

O sector dos centros de chamadas está conformado maioritariamente por mulleres. Que situación ten que enfrontar a muller traballadora?

Temos un sector, efectivamente, feminizado. A día de hoxe, o noso salario visualízase como un complemento para a familia e é complexo ter unha vida independente simplemente cos ingresos do noso traballo. A situación de crise e de paro, non obstante, fai reverter en moitos casos esta situación e numerosas familias vense obrigadas a sobrevivir con estes salarios miserentos.

A pesar de que o feminismo organizado logrou grandes avances na sociedade, estes non son suficientes nin de lonxe para mudar a mentalidade profundamente patriarcal que teñen os homes, pero tamén as mulleres. En materia laboral isto repercute en moitos factores, aínda que o fundamental, é no salario. Somos nós as que facemos os labores de coidados e iso implica que cobremos menos porque nos vemos obrigadas a reducir xornada, a pedir excedencias ou directamente a perder o traballo.

As empresas tampouco teñen vontade algunha en negociar Plans de Igualdade que melloren eses aspectos. A lexislación obriga ás empresas a “negociar” coa representación legal pero non a chegar a acordos e iso trae como resultado Plans de Igualdade que describen unha empresa idealizada, na que non existen problemas e na que, por conseguinte, non se implementan medidas correctoras.

Tes explicado que o telemárketing é un sector vanguarda no capitalismo. É a deslocalización unha problemática que teñades que enfrontar na actualidade?

Na actualidade hai unha lixeira tendencia a devolver ese traballo para o Estado e a prestar servizo nos países latinoamericanos a clientes locais pero iso non é suficiente: existen 40 empresas que teñen 93 centros prestando servizo a clientes do estado español. Evidentemente cunhas condicións laborais infinitamente máis precarias que as nosas.

Aínda que desexternalizaran todo ese traballo, tampouco se solucionarían os problemas para as traballadoras/es galegas/os porque tamén é deslocalización cando deciden concentrar a maioría de traballo en Madrid e Barcelona.

As empresas dos Centros de Chamadas van camiño de converterse en xigantes monopolios. Tan só 10 empresas no estado facturan o 65% do total no sector (entre elas está Unísono).

A mocidade galega ten neste momentos de crise económica capitalista trés vías: A emigración, a precariedade ou o desemprego. Que lle dirías?

Non é tan doada esa resposta porque moitas veces non podemos escoller, se non que as circunstancias escollen por nós. Non obstante, considero que a emigración é un factor de regresión porque só podemos cumprir dous papeis: o primeiro, e maioritario, é sermos man de obra explotada e sumisa que contribúa, con honrosas excepcións que si se encardinan nos movementos obreiros do país de recepción, a empeorar as súas condicións laborais. De feito, o Capital, é o principal interesado nestas grandes migracións. O segundo, e evidentemente minoritario, é formarmos parte do cumio empresarial, con altos postos técnicos, e converternos así, en maquinaria explotadora.

Sen dúbida, se é certo que puideramos escoller, eu optaría por ficar no país. A reflexión fundamental á que toda a mocidade debería chegar é que, a pesar de termos unha formación moi elevada e de atoparnos transitoriamente en determinados sectores moi precarizados como pode ser o noso, debemos exercer un papel que se torna completamente imprescindible: mellorar as condicións laborais, contribuír a concienciar aos traballadores/as e lograr un polo clasista na sociedade que estea disposto a transformar o sistema.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario