En defensa dos dereitos elementais e contra a criminalización do soberanismo

Desde o nacionalismo galego vimos denunciando en reiteradas ocasións os procesos represivos que se teñen dado contra activistas sociais e políticos do noso país, e en particular as medidas de excepción aplicadas aos presos e presas independentistas.

Mostra destas prácticas por parte do Estado Español son a aplicación dunha lexislación de excepción chamada “antiterrorista”, cuestionada por diversos organismos internacionais, o infausto papel da Audiencia Nacional, a permisividade cos casos de torturas ou as reiteradas campañas de criminalización por parte do aparato mediático ao servizo do poder. Todo isto fai parte dunha estratexia destinada a crear un clima de alarma social que xustifique novas medidas represivas e sirva para criminalizar no seu conxunto o movemento político que loita pola liberación nacional e social, como temos comprobado esta mesma semana nas declaracións do Delegado do Goberno en Galiza.

No marco desta lexislación antidemocrática, os próximos días 24 e 25 de xuño terá lugar en Madrid un xuízo sen as suficientes garantías legais contra catro militantes acusados/as de diversos delitos, con unha desproporcionada petición de penas e arredor do cal se quere construír unha nova campaña xudicial, mediática e política de criminalización do conxunto do movemento soberanista e independentista. Este xuízo podería abrir a porta a un salto adiante na estratexia da asimilación do nacionalismo coa violencia, mesmo posibilitando no futuro a ilegalización de organizacións políticas e sociais.

Por estes motivos, desde o Movemento Galego ao Socialismo e Isca! queremos reiterar a nosa oposición a este tipo de procesos de excepción, reclamando a derrogación da lexislación “antiterrorista” e a mudanza da actual política penitenciaria para pór fin á dispersión, aos tratos degradantes e á aplicación discrecional da prisión preventiva.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario