Isca!

En destaque

[Día da Patria 2018] A independencia é o inicio do camiño; o comunismo a nosa meta

 

Máis un ano reivindicamos a xornada nacional do Día da Patria como xornada de loita e reivindicación para o noso pobo. Unha xornada que ten especial importancia por estarmos inmersas nunha época onde o nacionalismo español está a rebrotar cada vez máis e por diversas cuestións.

Se ben sexa por temas deportivos, como o mundial de fútbol de Rusia co que conseguen facer unha posta en escena masiva nas rúas de rojigualdas, ou por cuestións políticas, como o españolismo que xorde en resposta ao procés independentista català; a exaltación do nacionalismo español está á orde do día. Un nacionalismo caracterizado pola xenofobia, polo discurso fascista e polo pensamento antifeminista.

Hoxe en día, España domina unha relación colonialista co noso país. Unha relación que se resume no espolio enerxético que sufrimos: mentres o impacto ambiental e a produción enerxética recae na Galiza, os beneficios do seu consumo vanse para fóra das nosas fronteiras. Queremos rachar con todo o que representa España e o seu nacionalismo, xa que é un estado irreformábel, e acadar un sistema que libere a todo ser humano, un sistema comunista.

Para poder lograr isto, o primeiro paso que aspiramos a dar é acadar a soberanía política mediante un proceso de independencia. Este feito liberaranos de todas e cada unha das opresións sempre que garantamos a nosa plena soberanía. Un feito que, para ser acadado, tamén debe pasar polo saída da Unión Europea. Unha unión que favorece os grandes capitais e que precariza a clase traballadora.

Por soberanía entendemos a independencia como única vía para a construción dun sistema comunista, deixando atrás o modelo capitalista no que a opresión é cada vez maior mentres que os dereitos sociais e laborais son cada vez menores. Só rachando co actual sistema económico poderemos deixar de ser a simple mercadoría coa que aumentan a súa riqueza os grandes capitais.

Por tanto, a independencia non é un fin, é unha ferramenta coa que garantir un fin maior: un sistema comunista que libere ao ser humano da explotación e do espolio capitalista.

A independencia é o inicio do camiño; o comunismo a nosa meta!


Participa nas convocatorias:

24 xullo: Manifestación da Mocidade Independentista ás 20h desde a Alameda de Compostela.

25 xullo: Manifestación nacional polo Día da Patria ás 12h desde a Alameda de Compostela.

Difunde!