[Día da Patria 2015] Rachamos co réxime español e a ditadura da UE

diaDaPatria2015Na Unión Europea, lonxe do pensamento único imposto, lonxe do consenso da paz e da prosperidade, do progreso e do benestar social, do acriticismo do réxime coas súas políticas, a realidade imponse mostrando unha historia ben distinta desde os seus inicios. Após as guerras que se deron na primeira metade do século XX no continente europeo era preciso garantir un futuro sen conflitos bélicos para permitir o desenvolvemento capitalista, era precisa a creación dunha área comercial que permitise a libre circulación de capitais, favorecese a súa concentración e, como engadido, frease os avanzos do campo socialista e do auxe dos partidos comunistas e obreiros no continente.

O que nuns primeiros momentos supuxo certas melloras nas condicións de vida da clase traballadora foi simplemente un mero espellismo froito da loita de clases nun contexto mais favorábel, e a chegada das crises, provocadas polas propias limitacións do sistema que non era quen de manter o ritmo de enriquecemento da minoría dirixente, xunto coa imposición do paradigma liberal, trouxeron constantes reducións de salarios e de gasto social. A solución da burguesía europea, co fin de manter ou aumentar as súas marxes de beneficio, foi unha maior explotación da clase traballadora, as privatizacións masivas, a erosión do estado social, as reformas radicais da lexislación laboral e a potenciación do mercado. A transferencia da riqueza das traballadoras ao capital.

A unidade monetaria non supuxo na práctica, como se anunciou, a aproximación dos salarios dos paises periféricos ao centro. Empobreceu ao conxunto da clase traballadora e representou a cesión da capacidade de decidir dos estados na economía, en beneficio do gran capital e os paises máis fortes.

A UE é ademais unha ferramenta en máis do imperialismo, constituíndo un bloque bélico e militarista en intima relación cos EEUU, nomeadamente a través da NATO, sendo aliados fundamentais en todos os conflitos como na invasión de Afganistán ou Iraq, no apoio á ocupación sionista, nas agresións a Libia e Siria ou nas recentes desestabilizacións golpistas en Venezuela ou Ucrania.

A Unión Europea é, como vemos, un proxecto ao servizo do grande capital transnacional que busca liberar as decisións económicas do control democrático, reducir o sector público á súa mínima expresión convertendo as necesidades da sociedade en nichos de gaño do capital e centralizar as tomas de decisións alonxándoas dos pobos cunha estrutura nitidamente antidemocrática por definición, desde todo punto de vista irreformable. Non existe un “défice democrático” porque simplemente non existe nin ápice de democracia. Ningún dos debates relevantes sobre o proceso de integración foi debatido entre os pobos e as decisións de importancia tómanse en órganos alleos á vontade popular. A Comisión Europea ou o Banco Central Europeo actuan ao ditado directo do capital impoñendo unha folla de ruta neoliberal que nos leva incontestablemente á pobreza e á miseria como podemos observar nos demais países do sur da Unión, nomeadamente Grecia.

Galiza é un país sen soberanía, dependente no terreo económico, político e cultural sendo esta unha realidade desde sempre pésima para o noso pobo. Un País empobrecido, que non pobre, por unhas políticas ruinosas e contrarias aos nosos intereses que danaron e danan os dereitos da clase traballadora e a base material da nosa economía. As políticas comúns agraria e pesqueira, os vetos á produción industrial, as privatizacións, o desmantelamento das conquistas sociais ou a progresiva desvalorización da forza de traballo foron medidas especialmente perxudiciais. O espolio da nosa riqueza condénanos á miseria ou de novo á emigración, cuxas dramáticas cifras cébanse coa mocidade onde máis de 150.000 menores de 30 anos marcharon da terra, expulsados pola precariedade e o desemprego.

Galiza é un País rico que precisa de capacidade de decidir sobre o seu para construirmos colectivamente a alternativa que precisamos: producir e vivir para termos un futuro digno na nosa terra. É unha realidade que o futuro estado galego non ten cabida na Unión Europea xa que non é posible defender unha Galiza plenamente soberana á vez que se mantén a integración en instancias ao servizo do capital. Apostamos pola cooperación entre os pobos, por unha alianza europea construída a partir da libre determinación e o respecto á capacidade de decidir de cada un deles.

Entendemos a soberanía e a independencia como a vía de saída do capitalismo e o único camiño para a construción dunha alternativa sistémica diferente, deixando atrás opresións de todo tipo, onde os dereitos sociais estean garantidos e non poidan ser mercadoría das que unha minoría extraia lucro. Sen rachar co réxime capitalista español non será viable ningún proceso revolucionario, nin a construción dun sistema diferente que transforme de raíz o paradigma económico e social. É, pois, o proxecto independentista o único transformador digno de tal nome e, amais, a única vía posíbel, nestes momentos, de ruptura democrática co réxime para abrir as portas a un proceso constituínte co dereito a decidilo todo democraticamente, desde a base e a través do debate popular, como nos ensinan os procesos emancipatorios de Euskal Herria e, nomeadamente, Catalunya.

Neste Día da Patria rachamos co réxime español e a ditadura da UE.

Neste Día da Patria construímos unha Galiza ceibe!

.

Participa nas convocatorias en Compostela:

  • 24 de xullo: a partir das 20:00 horas desde a Alameda partirá a manifestación xuvenil unitaria pola independencia baixo o lema “a mocidade galega pola independencia. Venceremos nós![+ info]
  • 25 de xullo: a partir das 12:00 horas desde a Alameda partirá a manifestación nacional polo Día da Patria galega.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario