Isca!

En destaque

Contra os recortes do PP, folga no ensino!

 cartaz-recortes-ensino.jpg

Coincidindo coas xornadas de folga convocadas polo profesorado de ensino secundario, a Liga Estudantil Galega chama o estudantado galego a mobilizarse neses días. A seguir reproducimos o comunicado da organización estudantil:

Dende a entrada ao goberno da Xunta do Partido Popular, vense implementando unha política de recortes sociais amparados no discurso da austeridade propio da dereita, centrándose na educación como un sector clave. A austeridade en cuestión maniféstase en políticas de carácter privatizador, galegófobo e dirixidas a rebaixar a calidade do ensino público. Neste sentido cómpre salientar diversas medidas.

En primeiro lugar, unha das que está causando máis indignación no sector é a referida ao aumento da xornada de traballo do profesorado. Tal aumento significa que os docentes terán que sobrecargarse de traballo, e implicará tamén que até 1000 interinos poidan ser despedidos dos seus postos de traballo ao resultar innecesarios. Ademais, as medidas chegan a afectar tamén aos propios estudantes, pois a redución de persoal supón a masificación das aulas, que xa contan en secundaria cun mínimo de 30 alumnos.

Outra das medidas estrela presentadas é a famosa Lei de Convivencia. Esta lei aprobouse baixo o paraugas “de combater o abuso escolar e fomentar a participación das nais e os pais no sistema educativo”. Mais o certo é que o que se pretende é reducir a presenza do galego nas aulas a través de consultas lingüísticas. Estas consultas teñen un carácter tendencioso, pois só se pregunta verbo da cuestión idiomática sen ningún tipo de control democrático nin garantías. Habería que preguntarse porque o PP decidiu non facer as mesmas consultas á hora de aumentar a concentración de alumnos por aula ou reducir os orzamentos adicados a educación. Con todo, carece de sentido preguntar a nais e pais sobre os contidos académicos e a forma de impartilos, pois os encargados de tal cometido deben ser sempre profesionais cualificados garantindo un ensino científico e pedagoxicamente acaido. Así mesmo, pensamos que darlle aos profesores a calidade de autoridade pública supón retornar a un modelo de ensino anticuado e retrogrado propio dun pensamento conservador que pon na represión do alumno o piar básico da educación.

Por último, salientar o favorecemento reiterado do ensino privado e concertado fronte ao ensino público. A Consellaría de Educación ven de publicar no DOG uns concertos educativos que supoñen o peche de 14 escolas unitarias xunto a outros 77 centros en todo o país, que contrastan de modo evidente coa aprobación de apertura de 9 centros concertados. Amais, no ensino non obrigatorio estanse a reducir o número de ciclos formativos impedindo que exista máis dunha unidade por curso, mentres que no concertado mantéñense o número de ciclos. Cómpre engadir tamén que na aplicación do PLAN ABALAR, destinado a introducir as novas tecnoloxías na educación galega, once dos doce centros que recibiron portátiles eran concertados, aumentando unha outra vez a desigualdade entre o público e o privado. A gravidade do apoio dado polo goberno autonómico increméntase se temos en conta que moitos destes centros exclúen a persoas por razón de sexo, deficiencias mentais ou ter condición de inmigrante.

Denunciamos estes ataques contra un servizo tan fundamental como a educación, e declaramos que detrás de todas estas medidas non se agocha nin austeridade nin fomento de participación de nais e pais, senón que o que se pretende é abrir oportunidades de inversión ao capital privado, desarmar ao ensino como ferramenta para fomentar a cultura e lingua galega e promover unha educación autoritaria e sexista.

Fronte ás medidas a prol dos intereses privados, reclamamos que se aumente o gasto público en educación, que en Galiza se aatopa por baixo da media europea (un 4.3% do PIB fronte ao 5.2% en Europa), que se incremente a presenza do galego nas aulas e se admita a toda clase de alumno independentemente da súa raza, sexo ou capacidades. Propomos, pois, un ensino público e de calidade, pensado en clave de país, e superador de prexuízos sexistas.

Por todo isto, desde a Liga Estudantil Galega chamamos a todo o estudantado a dous días de folga xeral no ensino non universitario o 21 e o 27 de setembro e a participar, xunto cos sindicatos do profesorado, nas mobilizacións convocadas para protestar contra as medidas da Consellaría de Educación por favorecer o ensino privado fronte ao público, por ser antigalego, por recortar en servizos básicos e por provocar que a calidade do ensino deixe de medrar.

Porque o ensino é un dereito e non un negocio.
Paremos os recortes!

21 e 27 de setembro, folga no ensino!

> Máis información na web da Liga Estudantil Galega

Tagged , ,

Difunde!