Contra a mina de ouro de Corcoesto

Desde Isca! querémonos facer eco das reinvindacións da Plataforma en Defensa de Corcoesto e das organizacións ecoloxistas que exixen a retirada do proxecto de explotación mineira a ceo aberto dun xacemento de ouro en Corcoesto por parte da empresa canadense “Edgewater Mining Co.”, no concello de Cabana de Bergantiños. A pesar de ser esta unha problemática que non aparece nos grandes titulares dos xornais, a explotación da mina volve estar de actualidade tras o descubrimento, por parte da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), dun informe elaborado polo Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC e da Universidade de Vigo que relaciona a explotación no pasado da mina co alto nivel de arsénico atopado no río Anllóns, chegando a súa auga á metade do límite apto para o seu consumo. A publicación deste informe veu a luz un día antes (o 13 de decembro) de que a Consellería de Infraestruturas e Medio Ambiente da Xunta de Galiza autorizase a reapertura do xacemento aurífero cunha Declaración de Impacto Ambiental favorable. Hai que ter en conta que a explotación que existiu até o momento era a pequena escala, non utilizaba cianuro para a extracción do ouro nin era a ceo aberto (e aínda así o nivel de arsénico detectado no río segundo o informe é alto), xustamente todo o contrario do proxecto que Edgewater ten entre mans, estendéndose a mina até un total de 770 hectáreas e pretendendo empregar millóns de litros de cianuro. As consecuencias para o ecosistema e a saúde humana son impredecíbeis.

O proxecto de explotación mineira por parte dunha multinacional canadense é un exemplo máis da colonización que o noso país sofre día a día: unha empresa foránea vén explotar os nosos recursos naturais, utilizando tecnoloxías obsoletas para minimizar os custos de produción e maximizar os seus beneficios, socializando neste caso os custos ambientais. Aínda por riba, tanto Edwater como a Xunta de Galiza do PP pretenden poñer a veciñanza dos concellos afectados ao seu favor ofertando 20 irrisorios postos de traballo (“temporais e provisionais”, e “con dúas quendas de traballo, cada unha de doce horas”, segundo se reflecte no proxecto da propia empresa), todo a cambio dunha fenda na terra equivalente a 700 campos de fútbol. O BNG posicionouse en contra do proxecto de Edgewater, levando a protesta aos concellos afectados, ao Parlamento Galego e mesmo á Comisión Europea.

>Manifesto da Plataforma en Defensa de Corcoesto.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario