Contra a ilegalización de Iniciativa Internacionalista

A estratexia de restrición de direitos e liberdades por parte do goberno español para combater a disidencia política en Euskal Herria (e que lle deu ao españolismo o goberno da C.A.V.) ven de extenderse ao resto do estado (chegando tamén até a Galiza) da man da ilegalización da candidatura ás eleccións europeas Iniciativa Internacionalista, encabezada polo dramaturgo Alfonso Sastre. É por iso que desde Isca!, condenamos esta nova aberración xurídica e, a seguir, reproducimos o comunicado do Movemento Galego ao Socialismo, que asumimos plenamente:

-O Movemento Galego ao Socialismo rexeita todo o ciclo de ilegalizacións aberto polo Estado Español tras a aprobación da Lei de Partidos, sob o consenso PSOE-PP, contra formacións políticas, agrupacións de electores e organizacións sociais, até agora limitadas a Euskal Herria -sen representar solución ao conflito basco, senón ao contrario- e agora extendidas a unha candidatura que integra a militantes de distintos pontos e nacións do Estado, entre as que se atopa a nosa. Como é lóxico, o feito de defender o voto para outra plataforma política non impide que reclamemos os dereitos de todas as persoas e todos os proxectos a presentarse sen restricións antidemocráticas aos comicios europeus e a calquera outro.

– A inquisitorial persecución das ideas afunda nos xa profundos défices democráticos do Estado Español, construido sobre unha reforma ilexítima dun réxime fascista, que negou o dereito á autodeterminación das nacións e impuxo unha xefatura de Estado hereditaria, inmune ante a Lei e non suxeita a elecións. Á maquinaria de propaganda que criminaliza a oposición política -e que de novo tivo un papel fundamental para encubrir este novo ataque á liberdade- agregouselle na última década a restrición directa de direitos civís e políticos fundamentais.

– Sen aceptar como válida a lexislación excepcional sobre partidos políticos, é evidente que a anulación desta candidatura non se basea en feitos condenábeis xuridicamente. Ningún dos seus candidatos foi condenado por algún delito concreto nin suspendido xudicialmente ata agora de dereitos políticos. Non está acreditada nin a defensa da violencia política nin conexión ningunha con candidaturas ilegalizadas máis alá da infame teoría da “contaminación” e as propiedades transitivas que convirten a todo en ETA ou no entorno do entorno, e que poden extenderse virtualmente ata o conxunto da poboación.

Sen defender a ilegalización de ningunha formación, poderíamos pensar no que acontecería se aplicaramos os mesmos criterios a formacións como o Partido Popular (con un presidente de honra, Manuel Fraga, intoxicado pola súa presenza nos gobernos de Franco, e que aínda non condenou asasinatos como os de Montejurra ou Julián Grimau; con un candidato a estes mesmos comicios que loubou a “extraordinaria placidez” do franquismo”); o Partido Socialista, con dirixentes implicados no terrorismo de Estado; ou ás varias formacións de extrema dereita, abertamente xenófobas e racistas, que aínda hoxe actúan na absoluta legalidade, nun Estado no que a Fundación Francisco Franco recibe subvencións públicas. Podemos concluir que a ilegalización é unha ferramenta na man do goberno español para criminalizar ao seu antollo opcións de oposición política.

-Apelamos ao conxunto de organizacións nacionalistas e de esquerdas a opoñerse con firmeza a este novo ataque contra os direitos fundamentais e a manifestar a solidariedade con Iniciativa Internacionalista. Continuaremos a mobilizarnos na defensa das transformacións sociais profundas, máis imprescindibles do que nunca para pechar o camiño de novas ilegalizacións e abrir un futuro de liberdade para Galiza e todos os pobos.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario