Con Rajoy e Merkel en Compostela digamos Galiza fóra da Unión Europea!

Co gallo da visita que Angela Merkel e Mariano Rajoy teñen previsto facer o vindeiro luns día 25 a Santiago de Compostela desde Isca! queremos facer un chamamento a toda a mocidade galega a manifestar un profundo rexeitamento ás politicas que está a levar a cabo a Unión Europea, que non son novas mais si nos últimos tempos máis agresivas, que empobrecen de xeito continuado ao noso pobo.

A Unión Europea é un proxecto do gran capital transnacional que busca liberar as decisións económicas do control democrático, reducir o sector público á súa mínima expresión convertendo as necesidades da sociedade en nichos de gaño do capital e centralizar as tomas de decisións alonxándoas dos pobos, cunha estrutura nitidamente antidemocrática por definición. Era precisa a súa existencia para frenar o avance do socialismo no leste e é precisa súa existencia para permitir o desenvolvemento capitalista, unha área que permitise a libre circulación de capitais, que favoreza a súa concentración e que manteña o ritmo de enriquecimento da súa minoría dirixente transferindo a riqueza da clase traballadora ao capital a costa do empobrecemento sistemático da meirande parte da poboación, as privatizacións masivas, a erosión do estado social e o empobrecemento dos pobos.

O noso país, dependente económica, política e culturalmente, sofre de xeito especial as consecuencias desa política ruinosa e contraria aos nosos intereses que danou en grande medida a base material da nosa economía. Temos vetada a producción industrial, onde se subvenciona o desmantelamento do agro e do mar e é condenado, semella, a unha emigración que nunca remata. Pola contra, nós sabemos que somos un país rico e onde precisamos algo tan simple como producir e vivir na nosa terra sen inxerencias.

O nacionalismo popular foi denominado como o do “non. Dixemos non á entrada na Comunidade Económica Europea, dixemos non ao Tratado de Maastrich, dixemos non ao tratado de Constitución Europea e agora, con máis razóns que nunca, temos que seguir dicindo non. Pero non só á Troika ou ás políticas neoliberais. Dicir non á ruina da nosa industria, dicir non ao empobrecemento da nosa clase, dicir non ao expolio do noso aforro ou dicir non ao desmantelamento dos nosos sectores produtivos é dicir non Unión Europea en si mesma, antidemocrática e irreformable. Fronte á dependencia e á folla de ruta do capitalismo neoliberal, dereito a decidilo todo.

Con esta idea por bandeira animámosvos a participar o vindeiro luns día 25 de agosto na concentración que impulsan diferentes organizacións nacionalistas na Praza da Quintana ás 11 horas para que se enteren. Pola soberanía, o futuro e a democracia, Galiza  fóra da Unión Europea.


Relacionado:

>> Nin España nin a UE. Os pobos deciden!

>> Pola soberanía, o futuro e a democracia: Ruptura coa UE

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario